Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade celebra este mércores unha xuntanza telemática para tratar as medidas no distrito sanitario e expoñer, analizar e confrontar a campaña de turismo responsable na que se está a traballar para a reactivación económica

 Ribadeo, 14 de xullo de 2020. O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, convocou unha reunión para mañá mércores, 15 de xullo, ás 17 horas de todos os representantes da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Cajoto explicou que “o obxecto desta reunión é tratar as novas do conselleiro de Sanidade sobre as medidas no distrito sanitario da Mariña e expoñer, analizar e confrontar a campaña de turismo responsable na que se está traballando de forma urxente para a reactivación económica da comarca”. A xuntanza será telemática.
O presidente da Mancomunidade subliñou que “ao mesmo tempo, foi solicitada unha reunión bilateral coa Axencia de Turismo de Galicia que esperamos se celebre o antes posible. A Axencia ten a experiencia e a capacidade para apoiar ao sector no momento máis difícil que está a vivir a comarca, en plena época estival”. E lembrou que “a Mancomunidade vén de reunirse este pasado luns coa FCAM (Federación de Comercio de A Mariña) para recabar de primeira man a situación do sector comercial e hostaleiro da comarca e concordar distintas medidas de actuación para que veciños e futuros visitantes, coas debidas precaucións e cautelas, confíen e aposten de novo por consumir de forma responsable nos distintos establecementos da Costa de Lugo”.

Exit mobile version