Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta apoia o lanzamento da nova APP Turisgalicia para dar a coñecer os principais atractivos turísticos da Mariña

 Burela, 30 de xullo de 2020. A Xunta de Galicia apoia o lanzamento da nova aplicación móbil Turisgalicia a través da que se dan a coñecer os principais atractivos turísticos da Mariña, á vez que serve como guía sobre a oferta de lecer da comarca.

O Goberno galego quixo formar parte desta iniciativa cunha achega inicial de 5000 euros a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e da secretaría xeral de Política Lingüística pois, precisamente a nova app será un escaparate virtual sobre a riqueza gastronómica da comarca e incluirá unha versión en galego con toda a información dispoñible.

A xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo, María José Gómez, participou na presentación en Burela desta app coa que cun só click accédese aos lugares máis impresionantes e descoñecidos da Mariña lucense, repartidos ao longo e ancho de todas as localidades que compoñen esta zona, así como aos mellores aloxamentos, restaurantes, tendas e servizos de todo tipo. Incorpora ademais toda a información sobre o Camiño Norte de Santiago ou os lugares aos que acudir se viaxas con mascota.

A información contida na nova app, que xa está dispoñible para a descarga gratuíta nas distintas plataformas móbiles, inclúe toda a información organizada por categorías o que tamén facilita a planificación da viaxe: lugares de interese (acompañados de multitude de fotografías), gastronomía: aloxamentos, praias e portos deportivos, festas e festivais, copas/noite, camiño de Santiago, compras (incluído a localización de farmacias), oferta de turismo activo e, incluso unha sección pet friendly por se viaxas con mascota.

Ademais, esta nova aplicación permite coñecer de antemán a localización e información dos recursos e servizos turísticos da Mariña, e a través da funcionalidade “Preto de min” permite que o usuario poida ver sobre a pantalla do seu móbil os recursos dos arredores.

Outra das novidades desta nova aplicación móbil é a conexión ás principais aplicacións de mapas, deste xeito o usuario non só atopará os recursos, senón que os poderá xeorreferenciar, visualizando tamén as estradas, os edificios e outros elementos destacados, para chegar ata estes.

Novas tecnoloxías
Segundo a Xunta o apoio á creación de novas aplicacións móbiles constitúe unha mostra máis da aposta do Goberno galego pola innovación e polo emprego das novas tecnoloxías nos procesos de articulación, promoción, comercialización e xestión do sector turístico.

“Innovar en turismo tradúcese en maior número de turistas, maior número de ingresos e maior crecemento económico, e por iso esta aplicación converterase noutra ferramenta máis para impulsar este sector tan vivo e contribuír a necesaria reactivación turística da comarca” conclúen.

Plan de reactivación tras a repunta da covid19
Pero a colaboración da Xunta no ámbito do impulso da promoción da Mariña lucense non se limita ao apoio desta app e, de feito, tal e como avanzou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez nas pasadas datas, o Goberno galego traballa nun plan máis amplo e ambicioso con medidas específicas de impulso.

Tras manter múltiples reunións e contactos coa Asociación de Empresarios de Hostalería de Lugo e cun grupo de profesionais da comarca do sector da hostalería e do comercio, a Xunta avanzou que traballa como mínimo noutros frontes.

“Así por exemplo, duplicaremos o apoio económico ao xeodestino para desenvolver produtos que reforcen a súa imaxe como destino seguro, estamos a ultimar xunto coa organización do Resurrection Fest novas iniciativas conxuntas a curto prazo que dinamicen o consumo e, finalmente proporemos ao Estado que A Mariña lucense conten cun Plan de Sustentabilidade Turística en destino, que cofinancia a autonomía”.

Exit mobile version