A cita telemática contou coa participación de representantes de todos os grupos de acción local pesqueira que operan na costa galega. Por parte de ABANCA asistiron o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, e o coordinador de ABANCA MAR en Galicia, Miguel Ríos.
Na reunión os representantes dos GALPs expuxeron o punto no que se atopan os programas de axudas que xestionan e que promoven o investimento en zonas costeiras no ámbito da creación de emprego, igualdade, diversificación e cultura vinculada ao mar, co obxecto de xerar actividade en zonas costeiras.
Desde o inicio desta crise, o banco mantivo un contacto fluído e regular cos principais axentes do sector, confrarías cooperativas de armadores e outros axentes. Unhas comunicacións a distancia que permitiron adaptar a oferta de ABANCA ás súas demandas máis urxentes e que se materializan nun catálogo que agora inclúe produtos con prazos máis amplos de amortización, a introdución de carencias no financiamento ou a tramitación máis rápida e sinxela de expedientes, entre outras novidades.
O encontro de traballo serviu tamén para rubricar e dar continuidade ao marco de colaboración financeira que mantén ABANCA cos GALP galegos. Estes protocolos están adaptados ás necesidades destes grupos, con distintas alternativas de financiamento para apoiar os proxectos con axudas europeas que xestionan.
O mar, unha actividade estratéxica para ABANCA
ABANCA reforza día a día o seu compromiso coa actividade pesqueira e con toda a súa cadea produtiva. Desde a creación da unidade dedicada ao sector, ABANCA Mar, a entidade financeira mantén unha clara orientación cara á cadea de valor do mar, grazas a xestores especializados e un catálogo de produtos e servizos que se adaptan aos distintos segmentos deste colectivo.