Site icon Crónica3.com A Mariña

“Aclaracións sobre o Centro de Servizos Sociais”, por Fran Cajoto

Como alcalde de Foz véxome na obriga de aclarar as informacións falseadas e terxiversadas vertidas á prensa polo veciño José Severino Vaz, nas que se me acusa de “maltratar” ao colectivo de xubilados de Foz, ao que di representar.
O Concello de Foz recibiu en doazón do Pósito Marítimo Terrestre de Foz -antes Sociedade de Socorros Mutuos- unha edificación na praza Conde de Fontao coa finalidade de destinala a Centro de Servizos Sociais.
No Centro de Servizos Sociais, sito en Rúa da Constitución esquina Praza Conde de Fontao, funcionaba unha cafetería con prezos taxados para xubilados e persoas da terceira idade. Despois do peche e co local baleiro o goberno anterior cedeulle o uso do mesmo á Asociación Asistencial de Discapacitados Virxe do Carme. Esta asociación fai un gran traballo en Foz, permitindo que veciñas e veciños do concello con minusvalía psíquica teñan un punto de encontro e poidan realizar diversas actividades para unha mellor integración na sociedade.
O Concello de Foz reuniuse coa Asociación Central de Jubilados y Pensionistas de Foz, creada no segundo semestre do ano 2019 e presidida por José Severino Vaz en distintas ocasións.
O Concello de Foz manifestou en distintas ocasións a intención de dispoñer un local para os xubilados de Foz, así como a imposibilidade de facelo efectivo de forma inmediata pola ausencia de locais libres. Para acometer calquera obra ou reforma é necesario dispoñer de fondos que se consignan a través de presupostos.
O Concello de Foz dispón de locais de uso común que se poden usar segundo as franxas horarias dispoñibles para calquera actividade, tal e como reclama a Asociación Central para un curso de pandeireta.
Unha das prioridades fundamentais do Concello de Foz é a atención á terceira idade, colectivo para o que estamos á súa disposición como sempre fixemos desde que chegamos ao goberno. É especialmente importante na actual crise sanitaria, xa que as persoas de idade avanzada constitúen un colectivo de risco que temos que coidar e intentar illar dun posible contaxio, nun momento no que os Centros de Día aínda permanecen pechados .
O Sr. José Severino Vaz está a facer unha campaña de acoso e difamación á miña persoa a través de prensa, mensaxería e carteis, incluíndo campañas no mercado semanal, chamadas a distintas administracións e incluso mensaxes ao meu móbil persoal, a pesar de ser recibido de forma cordial en distintas ocasións neste Concello. Recalcar que en ningún caso o Concello de Foz desaloxará sen alternativa á Asociación Asistencial de Discapacitados Virxe do Carme como inquiriu o Sr. José Severino Vaz.
Fran Cajoto (Alcalde de Foz)

Exit mobile version