Site icon Crónica3.com A Mariña

Baixan a 11 os casos positivos de Covid-19 en Viveiro. O Concello actualiza as medidas trala orde de Sanidade que será efectiva dende este xoves

 Viveiro, 15 de xullo de 2020. O Concello de Viveiro informa aos veciños e veciñas que, segundo a información facilitada na reunión con Sanidade que tivo lugar na mañá de hoxe, no Concello de Viveiro hai actualmente 11 casos confirmados de COVID-19.

Vista a ORDE do 15 de xullo de 2020 sobre medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19, dende o goberno municipal quérese informar aos veciños e veciñas de Viveiro que en virtude do establecido con respecto á mobilidade, a partir das 00.00 horas do 16 de xullo de 2020, poderase circular sen limitacións por todos os concellos da Mariña, con excepción de Burela (onde se mantén a limitación para a entrada e saída, coas excepcións recollidas na Orde do 5 de xullo de 2020).

Consecuentemente, a partir das doce da noite de hoxe, calquera veciño ou veciña de Viveiro pode ir a calquera concello da Mariña (agás Burela), podendo desprazarse así mesmo fóra da comarca; do mesmo xeito, calquera persoa pode entrar en calquera destes concellos (con excepción do Concello de Burela).

Polo que atinxe ás medidas de prevención, mantéñense todas as previstas na Orde do 5 de xullo de 2020, referidas ao uso de mascarilla sempre; ás limitacións de aforo en grupos de persoas, eventos, establecementos ou terrazas e á reducción horaria en hostelería, entre outras.

As medidas establecidas na Ordes da Consellería de Sanidade de datas 5 e 15 de xullo serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais dende o día de hoxe.

Á vista do levantamento das restriccións establecidas nas Ordes da Consellería de Sanidade de datas 5 e 10 de xullo de 2020 e atendendo á evolución favorable da situación epidemiolóxica, o Concello de Viveiro acordou tamén o levantamento das medidas complementarias decretadas o 6 de xullo. Adoptáronse, en concreto, os seguintes acordos:

I.- Apertura dos parques infantís e biosaúdables municipais con data de efectos 16 de xullo, co aforo limitado de 4m2 por persoa.

II.- Apertura das instalacións deportivas municipais con data de efectos 16 de xullo, debendo cumprirse as medidas establecidas nos puntos 3.14 e 3.15 do Anexo da Orde do 5 de xullo de 2020 da Consellería de Sanidade.

III.-Apertura dos baños públicos e duchas existentes nas praias do municipio con data de efectos 17 de xullo.

IV.-Manter o aforo da biblioteca pública municipal ao 50%, para as actividades permitidas no punto 3.14 do Anexo da Resolución de 12 de xuño da Xunta de Galicia, debendo cumprirse coa distancia interpersoal e aforo establecido.

Ademais, mantense a limitación da capacidade das terrazas ao 50%, segundo o establecido no punto 3.8.3 do Anexo da Orde do 5 de xullo da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

Así mesmo, Protección Civil e á Policía Local, coa colaboración dos socorristas existentes en cada praia, continuarán controlando os accesos e capacidade das praias, co fin de asegurar que se poida respectar a distancia interpersoal de seguridade entre usuarios, procedéndose ao peche dos areais no suposto en que se detecten aglomeracións, ou incumprimento dos requisitos de capacidade e/ou distancia mínima interpersoal.

Dende o Concello de Viveiro apélase á concienciación e responsabilidade de todos os veciños e visitantes para o cumprimento das medidas de prevención establecidas para intentar evitar a produción de contaxios, entendendo que é necesario continuar extremando as medidas de precaución para seguir reducindo o número de persoas afectadas. Para isto, as Forzas e Corpos de Seguridade continuarán controlando de forma rigorosa o cumprimento destas indicacións.

Finalmente, quérese agradecer a todos os veciños e veciñas polo seu esforzo e transmitir unha mensaxe de tranquilidade, subliñando, como sempre, a importancia de usar mascarilla sempre, gardar a distancia de seguridade interpersoal e realizar unha coidada hixiene de mans.

Exit mobile version