Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros inicia o arranxo de vías municipais co parque móbil da Deputación

Barreiros, 14 de xullo de 2020. O Concello de Barreiros vén de iniciar o arranxo de varias vías municipais co parque móbil da Deputación, que se desprazou ata o municipio costeiro e actuará en vías municipais ata finais de mes.
O concelleiro de obras, Antonio Veiga explicou que “se iniciou na mañá de hoxe o arranxo con asfaltado dun camiño en Seoane, na parroquia de Cabarcos e continuará co arranxo dos accesos á Granda, na Rilleira.” O delegado de obras informou de que durante “estes días pode haber pequenas molestias na circulación por esas vías con motivo das obras, que agardamos que sexan as menos posibles e que se desculpen por tratarse das necesarias para poder acometer as melloras dos viais.”
Os traballos en Barreiros retomaranse en setembro, á volta do descanso do persoal do parque móbil, e achegaranse a realizar traballos de asfaltado a outras parroquias, coma Celeiro, San Miguel e Reinante.
A alcaldesa, Ana Ermida, agradeceu a colaboración da institución provincial na realización destes traballos “sen a que non sería posible acometelos, pola falta de medios propios do Concello de Barreiros.”
Ermida asegura que “esta é unha mostra da colaboración entre administracións para dar resposta ás necesidades das veciñas e veciños e así o entendeu o presidente da Deputación desde o primeiro momento no que o goberno municipal lle fixo chegar a solicitude do parque móbil de maquinaria.”
Nas vindeiras semanas está previsto tamén o inicio dos traballos relativos ás baixas obtidas na adxudicación do plan único do 2019.

Exit mobile version