Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira: “Dende agora mesmo empezamos a traballar para recuperar a imaxe da Mariña”

 Lugo, a 13 de xullo de 2020. Un dos obxectivos inmediatos que se marca o Partido Popular de Lugo, despois de gañar con rotundidade, as eleccións autonómicas é o de conseguir recuperar a imaxe da Mariña despois de que algunhas forzas políticas a utilizasen como trincheira política e electoral. Así o indica o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, mariñao, de Foz, que destaca que a fortaleza do próximo Goberno de Galicia facilitará o traballo de reconstrución da imaxe exterior desta comarca lucense.

Castiñeira sinalou: “Como voceiro do grupo provincial popular, quero felicitar a todas as agrupacións locais desta provincia, porque lograron tinguir de azul o mapa político lucense, e conseguir un deputado máis e pasar de oito a nove. Os froitos do traballo da candidatura encabezada por Elena Candia son magníficos; somos a provincia con máis apoio popular de toda Galicia e iso non é de balde”.

O portavoz do grupo popular provincial tamén declarou: “Como mariñao, manifesto o noso máximo compromiso con esta comarca, que creo que foi a gran sufridora e prexudicada nesta campaña electoral, converténdose na trincheira política de moitos partidos que trataron de sacar un rendemento político da situación desfavorable pola que atravesaba, pero que non se acerca á realidade. Temos un problema con Alcoa que debemos solucionar e todas as administracións deben dar un paso. Temos un Goberno forte en Galicia, tamén temos unha situación sanitaria que, con toda a prudencia precisa, cremos que evoluciona positivamente e hai que facer xustiza; A Mariña sigue sendo un lugar seguro para poder pasar as vacacións, para disfrutar e vivir nesta zona marabillosa. Hai que cumprir as medidas establecidas neste momento e seguir loitando polos intereses desta comarca; expreso o noso máximo compromiso de que o faremos desde o PP e desde a Xunta, é esperanzados de facelo cunha mariñá, como é Elena Candia, liderando os intereses desta provincia; co seu traballo, co seu tesón, Elena Candia velará polos intereses da Mariña e da provincia, como o fixo por Mondoñedo e como primeira presidenta da Deputación de Lugo”. Castiñeira anuncia que “nese sentido traballaremos para que o antes posible A Mariña teña a imaxe de fortaleza e seguridade que tivo sempre”.

Exit mobile version