Castiñeira sinala: “Queremos mostrar a nosa absoluta desconformidade coa intención do Goberno central de facerse cos aforros das entidades locais; entendemos que é un ataque a autonomía local que o Goberno do Estado intente paliar a súa nefasta política económica e de prebendas electorais saqueando as arcas de concellos e deputacións. As entidades locais fixeron o seu traballo nestes últimos anos, con moitísimo esforzo, ao amparo da Ley de Sostenibilidad Financiera deseñada polo Goberno de Rajoy, e conseguiron xerar aforros que son moi necesarios opara afrontar os próximos anos de crise”.
O portavoz popular tamén declara: “Os aforros dos concellos e deputacións son necesarios para poder cumprir os compromisos cos nosos veciños. No que se refire á Deputación, é un exemplo clarísimo: se o Goberno central leva adiante a súa intención, quedarían en dúbida diferentes actuacións que dependen do remanente, como é o Plan Único, que o próximo martes se aprobará definitivamente; finánciase con 11 millóns, practicamente a metade do seu importe, a cargo do remanente, dos aforros de anos anteriores, que van directamente aos concellos lucenses”. Engade: “Se en exercicios sucesivos a Deputación de Lugo non pode usar o remanente estaría en dúbida o Plan Único para os próximos anos, e tamén a construción de varias das residencias previstas; sabemos que parte delas se financian con eses aforros”.
Castiñeira apunta a que os propios socialistas temen que se leve a cabo a medida apuntada polo Goberno e que algúns xa tomaron disposicións para intentar salvar os aforros. O portavoz provincial do PP di: “Chama a atención que o presidente Tomé, como alcalde de Monforte, ante estas informacións, o primeiro que fixo foi salvar o remanente, que dedicou a un plan de axuda a afectados pola covid, comprometendo diferentes inversións. Algo presinte o presidente Tomé cando no seu Concello toma esta decisión”.