Site icon Crónica3.com A Mariña

Comunicado dos alcaldes de Cervo, O Vicedo, Mondoñedo e Xove

 A Mariña, 8 de xullo, 2020. Os alcaldes abaixo asinantes, integrantes do Distrito Sanitario da Mariña, en representación das veciñas e veciños do seu municipio, queren expresar o seguinte:

1º- Confirmar a súa vontade de máxima dispoñibilidade e colaboración coas autoridades sanitarias, en particular, en apoio das medidas vixentes aprobadas pola Consellería de Sanidade o pasado domingo e dirixidas a protexer a saúde dos veciños da Mariña e a reducir as posibilidades de contaxio ante o brote de covid-19 rexistrado na comarca.

Compre subliñar que as autoridades sanitarias están a proporcionar aos alcaldes do distrito sanitario información diaria, efectiva e completa, sobre a evolución do rebrote e da situación epidemiolóxica.

2º- Lamentar que un grupo de alcaldes estean aproveitando esta situación para xerar un alarmismo inxustificado, con fins claramente electorais, e co obxecto de condicionar dun xeito partidista as eleccións do próximo domingo.

Este comportamento é especialmente grave se temos en conta a actitude leal que todos os alcaldes mantivemos desde que comezou a pandemia e iso que ao longo dos meses nos que se prolongou o estado de alarma e mando único houbo motivos máis que de sobra polos que alzar a voz, pero sempre primou unha actitude responsable.

3º- Esta actitude alarmista pode tamén provocar un dano económico irreparable á comarca e a moitas empresas, comercios e negocios que estaban en pleno proceso de recuperación, todo iso sen prexuízo de adoptar todas as recomendacións que realizan ou poidan realizar no futuro as autoridades sanitarias.

4º- Aos concellos se lles está a requirir unha colaboración proporcionada, sempre no ámbito das súas competencias e do escrupuloso respecto á colaboración institucional que ten que primar neste ámbito. Non é certo que se descargue máis responsabilidade nos concellos nin competencias das que na actualidade temos, no ámbito do control sanitario. E non resulta responsable intentar desentenderse de apoiar cando se trata de garantir a seguridade e saúde de todos.

5º Reiterar que en sucesivos pronunciamentos da xunta electoral como incluso dos tribunais ordinarios, a xustiza vén de confirmar que, cos protocolos sanitarios vixentes, se dan todas as garantías de seguridade cara o vindeiro 12 de xullo coa premisa fundamental de que se poida exercer o dereito ao voto con plenas garantías sanitarias, tanto para os cidadáns que se acheguen a votar como para o persoal integrante das mesas electorais

Alfonso Villares Bermúdez
José Jesús Novo Martínez
Manuel Otero Lugide
Demetrio Salgueiro Rapa

Exit mobile version