Site icon Crónica3.com A Mariña

“Consideracións sobre as eleccións galegas”, por Xabier Grandío

As eleccións do pasado 12 de xullo foron excepcionais por moitos motivos, tanto loxísticos como polos resultados. Cómpre facer unha análise polo miúdo para extraer conclusións.
En primeiro lugar, esta convocatoria rachou unha norma non escrita no Estado Español, vixente dende 1977. Nunca, repito, nunca, houbo eleccións de ningún tipo nos meses de xullo e agosto. Este dato xa dá unha idea do excepcional das votacións, que se celebraron ben entrado o verán. A crise do Covid-19 foi un factor que influíu, sobre todo no referente aos trasvases de voto e a consolidación de determinados espazos.
Por outra banda, estas eleccións reflexaron que Galicia vota con pautas distintas ás do resto do Estado. Calquera análise ten que partir dunha óptica galega porque, se non é así, cometeremos un erro. Cómpre salientar os seguintes fenómenos:

1. A marca Feijóo, que trascende o PP, abrangue a práctica totalidade da dereita non nacionalista do noso país. O seu electorado e moi diverso no cultural e no social e iso obriga a facer todo tipo de encaixes, pero ve no líder popular seguridade e orde. O lema que soaba na megafonía dos coches de campaña n´A Mariña, “non está a cousa para experimentos”, era dabondo elocuente. As alternativas de Ciudadanos e Vox non tiveron cabida, máis que pola falla de estrutura propia, porque o electorado da dereita as identifica como alleas.

2. O BNG remata co seu particular calvario que durou case 20 anos. Dende o seu primeiro retroceso electoral nunhas eleccións autonómicas, aló polo 2001, a fronte nacionalista non deixara de perder deputados convocatoria tras convocatoria. É indubidable que a presenza social e asociativa do BNG que permitiu resistir nos momentos difíciles axudou, pero tamén a descomposición do espazo de ruptura de EnMarea e a propia campaña de Ana Pontón, enfocada a recuperar ese electorado.

3. O PSOE segue tendo o problema de ser identificado como unha franquía da marca madrileña, malia gobernar en 5 das 7 cidades do país e todas as deputacións, agás a de Ourense. Os resultados de Gonzalo Caballero teñen unha lectura en clave de apoio á xestión do goberno central de Pedro Sánchez, tanto para ben como para mal.

4. O espazo rupturista que representaba EnMarea desaparece por un cúmulo de circunstancias. En primeiro lugar, polos problemas internos no grupo parlamentario. Por outra banda, pola división en dúas listas que impediu que ningunha delas chegase á porcentaxe mínima para acadar representación. Finalmente, pola elección como candidato dun deputado en Madrid que non renunciou á súa acta.

O mínimo común denominador é que o electorado premiou as organizacións que consideraba como propias, máis aló da súa obediencia estatal ou galega. Un paradoxo é que, unha vez máis, a Lei Electoral de Fraga premia a PP e BNG, eliminando outros competidores que poderían ter presenza parlamentaria se non existise o límite do 5 %.
Isto supón a consolidación dunhas dinámicas electorais propias que trascenden o relacionado co espazo político nacionalista. Galicia, si, hoxe vota como un país distinto.

Exit mobile version