Daniel Vega asegura que “seguimos traballando nestes momentos tan complexos. Se somos responsables no individual, poderemos estar tranquilos como colectivo”. Polo tanto, “pido tranquilidade e, sobre todo, responsabilidade. Sexamos responsables e cumpramos a normativa covid-19” porque “o máis importante é a saúde das persoas”, conclúe.
COLABORACIÓN INSTITUCIONAL E RESPONSABILIDADE SOCIAL
Daniel Vega considera “importantísimo” que “as administracións traballen na mesma dirección de cara á loita contra a crise sanitaria e socio-económica derivada da covid-19. Creo tamén que as administracións e os representantes políticos debemos estar unidos polo ben da sociedade”, defende.
O voceiro do Grupo Municipal Popular en Ribadeo sinala, como exercicio de responsabilidade social, que “se debe suprimir temporalmente o cobro de taxas e impostos municipais coma a do lixo, a da auga ou o IBI ata que a recuperación económica sexa unha realidade”. Censura, polo tanto, “a presa do goberno local por volver a cobrar impostos trala situación de emerxencia en lugar de inxectar liquidez ao tecido económico ribadense. O goberno local debe estar do lado dos veciños e das empresas; pero demostra todo o contrario volvendo a activar o cobro de taxas e impostos que afectan ás actividades económicas e entre as que se atopa a de ocupación da vía pública que afecta ás terrazas”.
O popular sinala que o Grupo Municipal Popular xa plantexara a través do Plan Reactiva Ribadeo, entre outras, esta medida de carácter fiscal que no pleno contou co apoio do PSOE e o voto en contra do BNG. Trala decisión do goberno local de deixar sen efecto as exencións nos tributos decididas durante a situación de emerxencia sanitaria que xa criticara, Vega volve agora pedir a rectificación desta medida tomada de forma unilateral polo equipo de goberno de Fernando Suárez ao considerar que “dificulta a volta á actividade socio-económica dos autónomos e negocios ribadenses que tiveron que permanecer pechados”.