Site icon Crónica3.com A Mariña

“Dano irreparable á Mariña”, por José Manuel Balseiro

Hai quen compara unha campaña electoral cunha contrarreloxo na que o importante é chegar na mellor posición no menor tempo posible. Outros, entre os que me inclúo, pensamos que a cita coas urnas é máis ben unha carreira de fondo, na que a cidadanía examina a traxectoria de cada quen ao longo da lexislatura e as propostas de futuro que presenta.

Os partidarios da primeira idea, a da contrarreloxo, non escatiman en recursos durante os quince días de campaña para desacreditar ao adversario, aínda que teñan que facer uso das artimañas máis detestables: de enganos, de bulos, faltar dun xeito deliberado á verdade só con fins electoralistas.

Vímolo nas pasadas semanas na Mariña cando un grupo de alcaldes, todos eles da oposición, saíron en coro baixo o pretexto do rebrote de coronavirus para asegurar pouco máis que a Xunta buscaba o contaxio masivo por querer manter as eleccións, no momento e coas garantías que marcaron os expertos sanitarios.

Escoitámoslles a moitos deles declaracións grandilocuentes, incluso nos medios de comunicación de ámbito nacional, nas que aseguraban que organizar unhas eleccións era comportarse como carniceiros e que non se daban as garantías para evitar enfermar da covid-19, porque na Mariña o brote estaba descontrolado.

O que lograron foi meter medo a moita xente, que os turistas fuxiran da Mariña e que moitos conveciños, aplicando a prudencia ante a situación alarmante que describían, non saíran das súas casas co consecuente impacto nos comercios, establecementos turísticos e de hostalería. Son responsables dun novo golpe á situación económica da Mariña, xa impactada durante o estado de alarma e polas incertezas laborais da nosa principal industria.

Falaban contra a Xunta e contra Feijóo porque había eleccións. Porque o medo sempre é unha arma de desgaste, que tamén empregaron no seu día dando por seguro un falso peche do Hospital da Mariña. Curiosamente son os mesmos que perderon a forza e a capacidade reivindicativa durante a mala xestión da pandemia polo goberno amigo en Madrid ou ante a sucesión de desprezos que desde La Moncloa facían á comarca. Daquela todos eles estaban mudos.

Agora, coincidimos na urxencia de poñer en marcha un plan de reactivación, apoio e compensación que evite o peche de moitas empresas ou a perda de empregos. Sen dúbida precisará do concurso de todas as administracións. Pero tamén sería bo ter actuado con máis sentidiño, ser máis responsables e estar á altura dos cargos que circunstancialmente nos toca ocupar, porque atopémonos ou non en campaña contra o adversario político non todo vale.

A Mariña sairá desta, superaremos a pandemia sanitaria e a crise económica e laboral conseguinte. Pero, por se as urnas non o deixaron claro, os alcaldes e alcaldesas do medo non miraban pola veciñanza, senón polos seus intereses partidistas. Agardo que teñan aprendido as consecuencias das súas palabras. E, neste caso concreto, o dano irreparable que un actuar tan irresponsable pode provocar.

Exit mobile version