Site icon Crónica3.com A Mariña

Este xoves, día do carme, en Foz haberá actuacións musicais na rúa con aforos reducidos despois de que esta media noite o municipio recupere a liberdade nos desprazamentos

 Foz, 15 de xullo de 2020. Foz recuperará a mobilidade esta media noite e mañá, xoves, celebrará a festividade do Día do Carme con pequenas actuacións musicais nas rúas, concertos que o público deberá seguir sentado e con aforos reducidos.
O alcalde, Fran Cajoto, explicou que “hoxe o conselleiro de Sanidade trasladou a todos os alcaldes e alcaldesas do distrito sanitario da Mariña a modificación desas medidas que se aplicaron polo rebrote do Covid-19. Burela segue cos desprazamentos limitados, pero o resto dos concellos agora mesmo temos liberdade nos desprazamentos. O resto das medidas, tanto de limitación de aforos como tamén no horario de bares e restaurantes, aínda que lle pedimos modificar este punto para que o servizo de ceas funcione adecuadamente, seguen en vigor. Entón o que temos que facer é aplicalas, ser responsables, usar mascarilla sempre e manter ese distanciamento social”.
O rexedor subliña que “é unha boa nova que pouco a pouco volvamos á normalidade, que poidamos recibir visitantes e que tamén nós mesmos nos poidamos desprazar con liberdade. Hai que ser prudentes en todas as accións que fagamos, pero desde logo non deixar de ir ao comercio local, non deixar de acudir a bares, restaurantes e cafeterías porque con tranquilidade e prudencia, dunha forma responsable, podemos consumir e apoiar ás nosas veciñas e veciños, a todos eses pequenos autónomos que están a pasar un mal momento”.
Cajoto sinala que “mañá, festividade do Carme, temos que ter positivismo porque pouco a pouco imos saíndo. É un día do Carme moi diferente, moi distinto ao de outros anos. Faremos pequenas actuacións musicais na rúa, con cadeiras para cumprir ese aforo limitado, pero pouco a pouco ir recobrando ese pulso que ten Foz no verán e que nos permite comer e vivir o resto do ano”.

Exit mobile version