Site icon Crónica3.com A Mariña

Ethel Vázquez traslada ao tecido asociativo de Viveiro a aposta do Goberno de Galicia na mellora das infraestruturas da Mariña

 Viveiro, 8 de xullo, 2020. O candidatos da Mariña, Elena Candia e José Manuel Balseiro, e a candidata número 5 pola provincia da Coruña, Ethel Vázquez, mantiveron este mércores xunto ao portavoz popular de Viveiro, Óscar Rodríguez, un encontro de traballo co tecido asociativo viveirense no que puxeron en valor os investimentos que nos últimos anos ten realizado o Goberno Feijóo neste municipio e na comarca en materia de infraestruturas. Tamén sinalaron os que ten previsto acometer nos vindeiros catro anos se o PPdeG obtén a confianza dos galegos este domingo nas urnas para acadar “unha Galicia verde, unha Galicia Moza, unha Galicia Familiar e unha Galicia Innovadora na que se están a centrar os esforzos”.

Concretamente, en materia de mobilidade abordaron o Plan de Transporte Público que se está a implantar no conxunto da Comunidade e co que se fará chegar os beneficios que hoxe en día ten o Plan de Transporte Metropolitano ao conxunto do territorio. No caso concreto do Concello de Viveiro incluiranse as liñas comarca da Mariña Occidental e A Coruña-Lugo-A Mariña con anexos.

O obxectivo é ofrecerlle aos veciños vantaxes e descontos no transporte público interurbano dependente da Xunta. Así, os veciños de Viveiro e da Mariña poderán usar a tarxeta TMG, que supón bonificacións importantes para os usuarios no transporte público interurbano; e tamén os menores de 21 anos poderán empregar a tarxeta Xente Nova, coa que poderán viaxar gratis nas liñas de autobús que dependen da Xunta. Ademais da mellora dos servizos de autobús, o Goberno Feijóo tamén está a apostar pola mellora das infraestruturas. Xa se remataron os traballos de reparación e mellora da estación de autobuses viveirense que supuxeron un investimento de 221.000 euros.

INFRAESTRUTURA VIARIAS
O reforzo da competitividade, coa mellora das infraestruturas tamén centrou o encontro. Investíronse 100 millóns de euros na posta en servizo da VAP Costa Norte, dos que 50 millóns foron para a Variante de Ortigueira e o treito Celeiro-San Cibrao. “O noso compromiso é seguir avanzando na construción da VAP. O treito da ría de Viveiro será o primeiro que acometeremos”, adiantou Vázquez.

Asemade, a popular lembrou que existe unha proposta para a construción dunha nova ponte sobre a ría de Viveiro e para a conexión da VAP coa LU-540, así como que xa se formalizou o contrato para a redacción do proxecto de acondicionamento da estrada Viveiro-Cabreiros; actuación na que se investirán 2,6 millóns de euros.

En materia de saneamento, sinalou que xa se lle remitiu o convenio asinado ao Concello e á Deputación para minimizar o risco de asolagamento no barrio da Xunqueira, apoiando así á entidade local “na adopción das medidas precisas para protexer á poboación ante episodios de enchentes”. Para o saneamento integral da ría ampliarase e mellorarase a depuradora de Viveiro con 3 millóns de euros, de tal xeito que as obras se iniciarán este mesmo verán, e tamén se está a ultimar o proxecto de saneamento de Celeiro e a mellora da condución de vertido da EDAR, que conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros.

ALCOA E COVID
Ethel Vázquez agradeceu a asistencia dos participantes na xuntanza telemática que iniciou trasladando o apoio do Goberno de Galicia a unha comarca que “non está a pasar o seu mellor momento coa situación de Alcoa e os brotes da covid-19”. A este respecto, manifestou que dende a administración autonómica “estamos traballando e seguiremos vixiando a progresión do brote, protexendo a saúde dos mariñaos e tamén reducindo as posibilidades de contaxio”.

Polo que se refire á planta de San Cibrao, lembrou que o Goberno galego xa deixou claro que apoia a intervención temporal de Alcoa mentres non se peche unha tarifa enerxética que faga viable a factoría; todo o contrario, dixo, do que está a facer o Executivo de Sánchez que, “coa súa actitude de non establecer un prezo eléctrico competitivo, está deixando caer a industria electrointensiva e, con elo, prexudicando a esta comarca da Mariña. Non é razoable, nin lóxico, nin comprensible”, manifestou.

Exit mobile version