Site icon Crónica3.com A Mariña

Feijóo urxe ao Goberno central unha tarifa eléctrica competitiva ou a súa participación no capital de Alcoa para salvar a empresa

 Lugo, 3 de xullo, 2020. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, propuxo dúas opcións para Alcoa: que o Goberno central saque de forma inmediata unha tarifa eléctrica para as empresas hiperelectrointensivas ou que destine 10.000 millóns de euros, que vai aprobar hoxe no Consello de Ministros, a comprar ou participar de xeito transitorio en Alcoa, do mesmo xeito que vai inxectar capital a outras empresas estratéxicas a través da SEPI.

Para o líder dos populares galegos, “entre estas dúas opcións está a solución”: ou enerxía a prezo competitivo ou préstamo participativo e participación no capital da empresa. “Non estamos dispostos a perder Alcoa”, asegurou Feijóo, ao tempo que incidiu en que o Executivo central está a tomar “unha decisión política, non técnica nin de mercado”, ao non establecer un prezo competitivo da enerxía para este tipo de industrias. Segundo o presidente do PPdeG, son decisións que “estrangulan” sectores estratéxicos para a provincia.

Nun acto de industria celebrado en Lugo, Feijóo asegurou que Alcoa é viable, xa que o sector do aluminio está considerado como un sector estratéxico en España, tal e como se recoñeceu durante a pandemia ao manter esta factoría aberta e producindo. Tal e como remarcou, esta factoría é a única empresa de aluminio primario de España e o obxectivo é volver poñela ao servizo do mercado.

PERDA DE DIÑEIRO
Porén, lembrou que Alcoa non pode producir aluminio cun prezo da enerxía superior a 35-38 euros por megavatio. E, tras explicar que a empresa perdeu diñeiro en 2018 e 2019, agora está a perder 6 millóns de euros cada mes. Neste punto, fixo fincapé en que durante os gobernos de Rodríguez Zapatero e de Mariano Rajoy conseguíronse tarifas eléctricas competitivas e se destinaron arredor de 500 millóns de euros a este sector.

O presidente dos populares galegos lamentou o engano do Executivo central, ao anunciar que a poxa de interrumpibilidade para Alcoa ía seguir existindo como antes e se ía facer, ademais, un marco para acreditar ás industrias hiperelectrointensivas e darlle así un prezo estable da tarifa eléctrica: “Mentíronnos coa poxa de interrumpibilidade e nos enganaron co estatuto de electrointensivas, porque ningunha das dúas cousas se fixeron conforme o previsto”.

A pesar de que a Xunta non ten competencia á hora de establecer o prezo eléctrico, o pasado mes de febreiro, os gobernos de Galicia, Asturias e Cantabria remitiron aos ministerios de Transición Ecolóxica e de Industria unha proposta consensuada de tarifa eléctrica que, tal e como lamentou, “non tivo resposta”. E, onte mesmo, o Goberno galego aprobou no Consello da Xunta un Plan para a industria electrointensiva no que se declara este sector como esencial e estratéxico, se lle outorga tratamento prioritario aos proxectos desta industria e se reduce á metade a tramitación dos contratos bilaterais propostos polo Goberno central.

UN PLAN DE REACTIVACIÓN ECONÓMICA
Por outra banda, Feijóo tamén se referiu ás medidas económicas postas en marcha para recuperar a actividade económica, xerar emprego e fortalecer os servizo públicos, tras a crise sanitaria polo Covid-19. Neste senso, puxo en valor o Plan de reactivación económica, dotado con máis de 3.000 millóns de euros de investimento público e privado.

Entre as medidas que inclúe, figuran: unha liña de préstamos para pemes e autónomos; as vacacións fiscais ata o vindeiro 1 de novembro e axilización de pago a provedores e subvencións; axudas para que as empresas adapten os seus procesos produtivos para fabricar material sanitario e de prevención laboral; o apoio aos traballadores a partir de 55 anos que sufriron a extinción do seu contrato; anticipos de ata 1.500 euros aos traballadores afectados por un ERTE que non cobraron a prestación do Goberno; e axudas para a transformación do comercio, o turismo, a hostalería e os servizos para facilitar a súa volta á actividade.

A isto sumouse onte un programa de financiamento para achegar liquidez a pemes e autónomos, dotado con máis de 60 millóns de euros.

SECTORES ESTRATÉXICOS PARA A ECONOMÍA GALEGA
Referíndose en concreto a Lugo, salientou que esta provincia recibiu nos últimos dez anos un total de 475 millóns de euros en axudas, que conseguiron mobilizar máis de 920 millóns de euros e beneficiaron a preto de 50.000 persoas: 287 millóns de euros en emprego e formación a empresas e concello; preto de 100 millóns de euros en axudas do Igape; máis de 20 millóns de euros en apoios á instalación de caldeiras de biomasa e outras medidas de aforro enerxético; o Bono Social Eléctrico; o fomento de iniciativas en I+D+i; e investimentos para apoiar a dixitalización, modernización e expansión comercial de sectores con compoñente socioeconómico importante.

Así mesmo, subliñou a posta en marcha do polo aeronáutico en Lugo aproveitando a pista de Rozas. Neste proxecto investiranse 164 millóns de euros para a creación de 420 postos de traballo. Na actualidade, hai 35 proxectos que se están a desenvolver.

Por último, tamén destacou a importancia do sector forestal nesta provincia, así como das industrias agrogandeiras, o sector vitivinícola ou a pesca. Neste punto, dixo que falar de Lugo é falar de sectores estratéxicos “sólidos e consolidados” para a economía de Galicia.

Exit mobile version