Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez fai unha chamada á poboación para que empregue a máscara e actúe con “cabeciña” tras o brote de coronavirus rexistrado nos últimos días na Mariña

 Ribadeo, 2 de xullo de 2020. O alcalde, Fernando Suárez, fai unha chamada á poboación para que empregue a máscara e actúe con “cabeciña” tras o brote de coronavirus rexistrado nos últimos días na Mariña. E asegura que “non nos podemos relaxar, por saúde e por economía”.
O rexedor sinalou que “estamos vivindo momentos estraños. Por unha banda moitos negocios están abrindo paseniño e mellorando estas relacións económicas que se empezan a animar despois de semanas de confinamento, pero tamén vexo que hai moito medo e preocupación que nos embarga sobre o que escoitamos: que se hai un repunte aquí, que se hai un confinamento aló, que se hai máis casos na Mariña”.
Suárez Barcia pensa que “a maioría da xente está obrando ben, atendendo ás obrigas legais que se están introducindo como o uso da máscara en practicamente todos os ámbitos das nosas relacións sociais. Pero tamén me contan as autoridades que aínda hai xente que non interiorizou a situación real na que estamos, na que ben podemos dar un salto definitivo cara adiante ou podemos recuar de novo a situacións ás que ninguén quere volver. Por todo isto quero insistir en que temos que cumprir as normas de distanciamento físico e levar máscara en todas as nosas relacións sociais. Eu sei que é un agobio e un incordio, aínda que é peor propagar contaxios que poden ser evitables. E hai que ter en conta que hai un sector da poboación, especialmente os maiores, que de por si son persoas de risco, moi vulnerables e para os que un contaxio pode ser letal. Por iso a todos vostedes pídolles que se protexan e que aos que teñen ao seu arredor os conviden a que fagan o mesmo”.
O alcalde dixo: “quero tamén dirixirme á toda a poboación nova para dicirvos que quizais vós sexades os que menos risco poidades ter con esta pandemia, pero debedes pensar que se cometedes imprudencias e colledes o virus podedes levárllelo para a casa á vosa familia. E con iso pódese encetar unha espiral de contaxios que ninguén quere que se dea. Así que, por favor, no Cantón, no parque, nas terrazas, onde sexa, tede moito coidado, por vós e polos que vos rodean. Debemos tamén facer caso das recomendacións que nos faga o persoal dos diferentes locais e establecementos de negocios aos que acudamos para protexernos a nós e tamén a eses traballadores e traballadoras”.
Fernando Suárez engadiu que “desde o Concello estamos a facer canto podemos: as forzas da Policía Local están a informar á xente para corrixir actuacións incorrectas, tamén estamos a reforzar a limpeza diaria de rúas e de espazos públicos con baldeos con solucións desinfectantes e estamos extremando as precaucións con aqueles colectivos máis vulnerables, como os das residencias de maiores de Ribadeo, onde acabamos de saber que todas as probas feitas aos traballadores e aos usuarios foron negativas, outra vez máis”.
O rexedor manifestou: “debemos, en definitiva, concienciarnos nós e concienciar aos demais. Non nos podemos relaxar, por saúde e por economía. Queremos que Ribadeo sexa un lugar seguro, tranquilo, onde a xente ven comer, mercar, tomar algo, como sempre foi. E queremos que siga sendo un lugar onde a noticia que se escoite de Ribadeo sexa sempre por motivos positivos e non por positivos de coronavirus. Así que por favor utilizade a máscara e a cabeciña”.

Exit mobile version