Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez solicitou o acceso aos informes técnicos sobre os que a Xunta se baseou para seguir mantendo restricións de mobilidade en varios concellos costeiros da Mariña durante cinco días máis

 Ribadeo, 10 de xullo de 2020. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, xunto a outros da comarca solicitou o acceso aos informes técnicos sobre os que a Xunta se baseou para seguir mantendo restricións de mobilidade en varios concellos costeiros da Mariña durante cinco días máis. E volveu pedir responsabilidade á veciñanza para poder recuperar a actividade normal desta época do ano o antes posible.
O rexedor dixo que “cumpridos 5 días e vencendo a vixencia das medidas da Orde da Consellería de Sanidade, de 5 de xullo de 2020, os responsables políticos da Xunta acábannos de comunicar aos distintos alcaldes da comarca as novas disposicións que vai adoptar a administración galega con vixencia a partir das 00:00 do sábado e por un novo período da mesma duración”.
Suárez Barcia explicou que “en primeiro lugar mantéñense en toda A Mariña, incluído Ribadeo, as medidas de protección relativas ao uso da máscara, limitación de aforos, horarios de peche, limites máximos de xuntanzas de persoas, etc. E onde se producen os principais cambios son nas limitacións á mobilidade. Neste caso van manterse en Ribadeo as mesmas que existían ata agora, aínda que indirectamente serán mais restritivas posto que ao liberar delas a concellos da Mariña e extremar as medidas en Burela, o movemento dos veciños de Ribadeo quedaría limitado aos concellos da costa, de Viveiro a Ribadeo. No relativo ao acceso desde outros concellos ou territorios, a limitación esténdese agora aos outros municipios da Mariña, que xa non contan con limitacións de mobilidade e tamén a Burela”.
O alcalde contou que “segundo nos informan desde a Xunta, en Ribadeo mantense hoxe o mesmo número de 4 casos positivos dos últimos días. Non se nos informou sobre as motivacións, razóns ou indicadores que conduciron á flexibilización ou supresión das limitacións de mobilidade para determinados concellos e non para o noso. Agardaremos á publicación específica no DOG desta tarde para ver se alí se contén unha explicación razoada. En todo caso foi solicitado, por este e outros alcaldes, o acceso aos informes técnicos sobre os que a Xunta se baseou para tomar esta decisión”.
Fernando Suárez insistiu en que “para poder saír canto antes desta situación, pedimos unha vez máis que toda a poboación siga actuando responsablemente para que os 4 casos que temos non vaian a mais, se non a menos e poidamos dentro de cinco días atoparnos como mínimo dentro dos Concellos con liberdade de movementos e así poder recuperar a actividade normal desta época do ano”.

Exit mobile version