Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez valora de xeito positivo a libre mobilidade da que gozará desde a vindeira media noite a práctica totalidade da Mariña, agás Burela

 Ribadeo, 15 de xullo de 2020. O alcalde, Fernando Suárez, valora de xeito positivo a libre mobilidade da que gozará desde a vindeira media noite a práctica totalidade da Mariña, agás Burela. O rexedor asegura que se viviu un ambiente triste e preocupante ao longo dos últimos días, pero subliña que é hora de continuar con ilusión porque empeza a verse a luz ao final do túnel. Suárez Barcia pídelle á poboación que siga a dar exemplo co seu comportamento.

O alcalde explicou que “como resume desta vídeo xuntanza que mantivemos os diferentes alcaldes e alcaldesas da comarca cos responsables da Consellería de Sanidade para abordar qué vai pasar a partires de mañá maniféstannos que os casos seguen baixando, que hai en total 151 dos que 2 deles seguen correspondendo ao noso concello, e con todo dinnos que os que están activos están controlados, polo que a partires de mañá volverán permitir a libre mobilidade, agás no concello de Burela por ser quen concentra a maior parte dos casos”.

Fernando Suárez manifestou que “isto non quita que se teñan que seguir mantendo todas as medidas de protección implantadas, como o uso obrigatorio da máscara tanto en espazos exteriores como interiores, mesmo a limitación de aforo, tamén as limitacións horarias ou a prohibición de agrupacións de moita xente, tanto en cuestións de lecer como en xuntanzas familiares que non sexan convivintes”.

O rexedor dixo que “somos conscientes do ambiente triste e preocupante que estivemos a vivir nestes últimos días. Temos que entendelo como unha pausa e que esta pausa sexa algo pasado. Debemos polo tanto continuar con máis forza, con máis ánimo e con máis ilusión que nunca porque entre todos e todas temos que reactivar a economía e a sociedade tanto de Ribadeo como da nosa bisbarra da Mariña”.

Suárez Barcia pídelle á poboación que siga a dar exemplo co seu comportamento e convida aos turistas a adoptar as medidas de seguridade vixentes: “vemos por fin a luz ao final do túnel, aínda que como alcalde de Ribadeo quérolle indicar a toda a veciñanza que temos que seguir dando exemplo como así o fai a inmensa maioría da xente deste concello, tanto para nós como para os que nos van visitar, e máis si cadra agora que tamén esperemos que viña moita xente de fora. Pretendemos iso, desde logo. Pero nós, como anfitrións, debemos predicar co exemplo e incluso me atrevería a dicir e esixir, amablemente, pero exixir a fin de contas, que tamén eles, os que nos veñan a visitar, deben adoptar as mesmas medidas para protexernos a nós e para protexerse eles mesmos”.

O alcalde concluíu sinalando: “actuemos todos deste xeito e estou seguro de que todo vai ir ben. Polo tanto, poñámonos mans a obra”.

Exit mobile version