Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia en Común presenta un recurso ante a Xunta Electoral para que se adopten as medidas precisas para garantir os dereitos democráticos da veciñanza confinada na Mariña

 Compostela, 6 de xullo. Galicia en Común Anova Mareas ven de presentar este luns 6 un recurso ante a Xunta Electoral de Galicia para que adopte, no inmediato, as medidas oportunas para garantir os dereitos democráticos con garantías sanitarias para toda a veciñanza dunha comarca confinada como é A Mariña de Lugo.

“Feijóo convocou estas eleccións de forma unilateral e absolutamente irresponsable, contra o criterio do conxunto das forzas maioritarias da oposición antepoñendo as súas siglas e a súa estratexia por riba das nosas vidas e da saúde pública. Está a demostrar que o único que lle importa é o calendario electoral, non a saúde”, manifestou Antón Gómez Reino, candidato da coalición á Presidencia da Xunta.

“A Feijóo quédanlle sete días no Goberno, pero son sete días nos que lle esiximos, con total rotundidade, que garanta os dereitos democráticos da veciñanza da Mariña e a saúde pública e clarifique os pasos e os protocolos para facelo”, dixo Gómez Reino, que reiterou hoxe a mensaxe de fonda preocupación pola situación de incerteza que están a vivir os veciños e as veciñas dos 14 concellos que conforman A Mariña.

“Merecemos un Goberno que non oculte a realidade. Merecemos un Goberno que informe con transparencia e claridade ao conxunto da cidadanía pero tamén as forzas da oposición”, demandou o portavoz de Galicia en Común.

“Esta situación ten un responsabe único e máximo que é o señor Feijóo, que ten que aclarar xa como vai a garantir o dereito ao sufraxio da xente da Mariña”, concluíu Gómez Reino, que lle afeou a Xunta do PP, en particular, ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, o ter que enterarse polos medios de comunicación “dunha medida tan severa” como é o confinamento dunha comarca enteira.

“Mandamos todo o noso agarimo e azos aos mariñáns e as mariñáns e o compromiso desde Galicia en Común de que traballamos para saír adiante con garantías sanitarias e democráticas desta situación”.

Exit mobile version