Site icon Crónica3.com A Mariña

“Non todo vale: sobre as malas artes en Foz”, por Fran Cajoto

2 de xullo de 2020, Feijoo declara: “No tenemos un problema generalizado en A Mariña, sino en dos o tres bares que hemos cerrado, con los camareros casi todos infectados”. O presidente da Xunta de Galicia minimiza un problema sanitario e traslada a orixe do foco – que non se puido concretar – ao sector da hostalería, que queda marcado. Tres días despois destas declaracións, o domingo día 5, a Xunta decreta a limitación de movementos na Mariña. Nese momento aparecen no concello de Foz -e en outros moitos da comarca – multitude de medios, entre eles equipos de televisión estatais, e a nova abre telexornais e programas en toda España: o dano mediático está feito.
Os alcaldes implorámoslle ao conselleiro de Sanidade en repetidas ocasións que a Xunta non eludira as súas responsabilidades nos concellos, como marcaba o DOG; que nos remitiran os datos de contaxios diarios por municipio -cuestión que finalmente conseguimos-; transparencia con todos os informes -os cales seguimos agardando-; que se garantira o dereito de todos os votantes para acudir ás urnas en condicións de seguridade e que a Xunta tomara o control da situación.
Todos os membros dunha corporación municipal temos unha responsabilidade. En Foz, nun inicio do verán durísimo para o turismo, o portavoz local do Partido Popular quere reescribir os feitos e difamar a un goberno municipal que estivo á fronte no peor contexto posible. Non pido recoñecemento pola difícil organización dos locais electorais -que fixeron traballadores municipais-, nin pola labor de comunicación permanente do Concello, nin sequera polas múltiples reunións e busca de solucións para un sector fundamental como é a nosa hostalería e pequeno comercio. Pido simplemente respecto. E que non se utilicen malas artes e obras subterráneas para asediar a un sector que o está a pasar realmente mal. É o momento de expoñer a veciños e visitantes a profesionalidade dos nosos establecementos e como podemos desfrutar de Foz con responsabilidade pero sen medo. É o momento de reclamar a todas as administracións que apoien e invistan na comarca. Creo humildemente que a oposición debería cambiar a súa actitude e reorientar a estratexia cavernaria de confrontación, non todo vale: Foz e a súa imaxe constrúense entre todos.

Fran Cajoto (alcalde de Foz)

Exit mobile version