O alcalde manifestou que “vemos que tenden á baixa os casos de covid nesta zona. Hoxe en Burela temos 20 cando onte tíñamos 22. O brote está todo moi controlado e a piques de ir desaparecendo pouco a pouco. As medidas que se tomaron e o traballo que houbo detrás foi efectivo. Tamén os Concellos demos a cara, tivemos un traballo intenso de coordinación e de procurar atender á xente que estaba confinada. Penso que foi un traballo colectivo importante de coordinación. Desde logo o Concello de Burela estivo sempre aí para mirar polos veciños que estaban confinados e procurando facilitarlles a alimentación, as medicinas e incluso a retirada de lixo”.
Llano dixo que “estivemos constantemente en contacto coas autoridades sanitarias do Hospital da Mariña, estivemos sempre coordinados e en comunicación, e iso tamén deu os seus froitos no control do brote. Esta labor penso que significa que tamén damos confianza na Mariña de que sabemos facer as cousas ben, eliminamos a cadea de contaxios e estivemos traballando todos para normalizar o antes posible a situación. Significa que as condicións do confinamento van desaparecendo e vaise recuperando a normalidade como no resto da comunidade autónoma, excepto en dúas cousas, que non pode haber máis de dez persoas reunidas por exemplo nunha terraza e non hai ocio nocturno porque hai que evitar toda oportunidade de contaxio”.
O rexedor seguiu a contar que “se recuperan os horarios de restaurantes e hostalería, que pasan a ser o que estaba determinado antes do brote, o 75% de aforo máis o horario que xa teñen de acordo co permiso do Concello. Nosoutros tamén imos abrir os parques e as prazas, e imos desinfectalos. Tamén digo que debe quedar claro que a condición é o coidado do protocolo, levar sempre a máscara, manter a distancia de seguridade e procurar non facer nada que provoque o contaxio. Tamén hai que normalizar a actividade económica e penso que pode convivir perfectamente co factor sanitario”.
Alfredo Llano engadiu que “temos gran satisfacción pola volta á normalidade, fixemos as cousas ben e penso que iso dá confianza para que moita xente poida acudir á Mariña”.