Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de foz considera que as medidas da Xunta polo brote de Covid na Mariña anunciadas este venres son difíciles de entender e complicadas de aplicar

 Foz, 10 de xullo de 2020. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, considera que as medidas da Xunta de Galicia polo brote de Covid-19 na Mariña anunciadas hoxe, venres, son difíciles de entender e complicadas de aplicar.
O rexedor municipal explica que “despois da reunión desta mañá co conselleiro de Sanidade, na que nos trasladou as novidades con respecto ás medidas que xa había establecidas para controlar o rebrote do Covid-19 na Mariña, agora divídese o distrito sanitario en 3 zonas: primeiro Burela, onde non se poden desprazar a outros concellos; en segundo lugar os concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Xove, Cervo e Viveiro, que soamente nos podemos desprazar entre nós e non podemos ir a ningunha outra zona da provincia nin de Galicia nin doutras comunidades; e por último o resto dos concellos do distrito sanitario, que teñen liberdade de movementos pero como estamos nunha zona con restricións non pode acudir, por exemplo, á praia de Foz un veciño de Lourenzá. Son medidas difíciles de entender e de explicar aos cidadáns e tamén complicadas de aplicar. Iso lle trasladamos ao conselleiro porque realmente é difícil que a Policía e a Garda Civil controlen eses movementos”.
Fran Cajoto engade: “desde logo o que facemos é apelar á responsabilidade cidadá sempre, ao sentido común, ao uso de mascarilla e ao distanciamento social. E acatamos todas as medidas, intentaremos facelas cumprir na medida das nosas posibilidades e tamén acudiremos a votar aínda que nos gustaría que retrasasen as eleccións para garantir a saúde de todos as veciñas e veciños, pero non está nas nosas mans, está nas do presidente da Xunta, de Núñez Feijoo, que non o considerou oportuno. Entón o que debemos facer, con responsabilidade e con esas medidas, é dicir que non queremos esta forma de actuar, que xa está ben de ningunear aos concellos desta maneira, que non hai que esconderse, que se quere asumir a xestión ten que facelo de verdade e non trasladar as responsabilidades aos concellos, que non se pode xogar ao escondite, que non poden esconderse en marañas de números e dar as cifras de distintas maneiras para confundirnos, que queremos alguén serio no goberno da Xunta. Por iso animo a votar polo cambio, neste caso a miña opción evidentemente é o PSdeG-PSOE, o goberno de Gonzalo Caballero, para non deixar a ninguén atrás. Iso é que temos que primar, gobernar para todos e de forma seria e responsable”.

Exit mobile version