Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde salientou o descenso de casos de coronavirus en Burela. Hoxe rexístranse 97 positivos. Ademais o concello destinará 120.000 euros a comerciantes e autónomos afectados pola crise

 Burela, 17 de xullo de 2020. O alcalde, Alfredo Llano, subliñou que descenderon os positivos por coronavirus nas últimas vintecatro horas e hoxe rexístranse 97 casos. Ademais o Concello fixo 180 análises aos traballadores máis vulnerables con resultado negativo. O rexedor reuniuse hoxe coa Acia para informar que se destinarán 120.000 euros das arcas municipais para os comerciantes e os autónomos do municipio afectados pola crise ocasionada por esta pandemia. Ademais o Concello solicitará axuda á Deputación de Lugo, á Xunta de Galicia e o Goberno estatal.
Alfredo Llano dixo que “hoxe tivemos unha reunión cos responsables de Sanidade, levamos días facéndoa telematicamente. Estamos analizando todos os días como vai evolucionando o brote do virus aquí en Burela e en xeral en toda A Mariña, pero aquí como había máis cantidade de contaxios ten unha atención especial ao igual que temos un confinamento especial”.
O alcalde destacou que “hoxe en Burela baixamos seis casos, tíñamos onte 103 e esta mañá tíñamos 97. Baixamos tamén 18 as persoas que están confinadas, que están agardando a ver se desenvolven a enfermidade e nos quedamos hoxe con 238. Iso é bo sinal de que estamos avanzando ben. Non houbo positivos nos últimos tres días en Burela e significa que temos controlada á xente vinculada ao brote. A ver se para o domingo ou o luns, que imos ter outra reunión, vemos se todo vai ben para establecer a normalidade o antes posible”.
Llano engadiu que “hoxe fixemos 180 análises no Concello para os traballadores que están máis expostos como pode ser a Policía Local, o SAF ou os que están atendendo directamente ao público. Tamén aproveitamos para facelos a algún colectivo vulnerable como pode ser os dos taxistas e deron todos negativos. Iso é bo sinal e significa que polo menos non está instalado o virus no noso Concello”.
Xuntanza coa Acia local
O alcalde contou que “hoxe tivemos unha reunión cos representantes da Acia na que fixemos unha primeira valoración de como está a situación socioeconómica no noso concello. Todos coincidimos en que é preocupante o que está ocorrendo e como está afectando a todo en liñas xerais. É certo que levamos xa case dúas semanas cun confinamento especial en Burela e significa que non temos facilidade de movemento e iso implica que a xente non acuda e que a nosa xente tampouco se mova tanto. Aproveito para dicir que dentro dos protocolos tamén podemos desprazarnos e facer gasto no noso pobo e dentro dos nosos medios apoiar, hai que ter coidado e manter o protocolo, pero non implica que a xente non se mova por Burela e dea gasto á nosa xente para motivar aos comerciantes. Con coidado podemos facer vida polo pobo”.
O rexedor explicou que “lles comuniquei que hoxe ao ser aprobados os orzamentos e xa poder incorporar unha partida da liquidación positiva do ano pasado, dos remanentes que temos, imos incorporar 120.000 euros para axudas para os autónomos e os comerciantes de Burela. Hai que facer os trámites e espero que para a semana que ven poidamos ir avanzando todo. Imos ver canto solicitan e a cantidade que podemos aportar e cremos que debe servir polo menos para paliar un pouco a situación. Pensamos ademais que Burela merece unhas axudas específicas polo confinamento especial que estamos tendo agora e desde o Concello imos facer unha solicitude dirixida á Deputación, á Xunta e ao Goberno do Estado para que se destinen subvencións aos comerciantes e aos autónomos do noso concello”.

Exit mobile version