Pillado continuou dicindo que “tamén seguimos insistindo na posibilidade de contratar persoal auxiliar para reforzalo traballo do equipo de socorristas, para que estes poidan descargar parte das tarefas e cando menos, xa que se ven minguados en número, podan sacar adiante o servizo con maior tranquilidade no que queda de período estival”.
No BNG cren que non serven as escusas senón buscar solucións.
Os nacionalistas non aceptan desculpas de mal pagador ante esta incidencia. Para o portavoz do bloque “o que non vale agora é queixarse do recorte feito pola xunta neste eido, do que todos somos conscientes e que xa foi criticado no seu momento; o equipo de goberno ten que ter capacidade para xestionar e sacar o servizo adiante nestas condicións”.
Pillado tamén sinalou que “cando se deron a coñecer as axudas de parte da administración autonómica existían concellos veciños con situación moito peor ca de Burela para ofertalo servizo e foron capaces de facelo, mesmo concellos con moitos mais areais e con necesidades de persoal moito mais altas co noso. A nosa vila non pode quedar á cola do resto da comarca tamén neste servizo, cando reunía condicións antes do comezo do mesmo para levalo a cabo de forma relativamente cómoda, por iso é preciso que o goberno local aporte solucións”.
Por último o voceiro do BNG quer recordar que “tamén propuxemos, e mantemos, que se destine persoal municipal para o control e seguimento das medidas de seguridade nos areais derivadas do Covid19, algo que tampouco se levou a cabo.”