Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Mondoñedo pide a cancelación do Mercado Medieval

 Mondoñedo, 7 de xullo do 2020. Diante da situación sanitaria que se está a producir na comarca da Mariña por causa do afloramento de casos de COVID-19, o BNG de Mondoñedo pídelle ao goberno municipal que tome a decisión de cancelar a XXIX edición do Mercado Medieval prevista para o segundo fin de semana do mes de agosto.

Segundo os nacionalistas, á falta dun mes para a celebración do Mercado Medieval, o concello de Mondoñedo aínda non anunciou de forma definitiva se vai celebrar ou non este evento, e consideran por responsabilidade social e sanitaria que o concello debería suspender este ano o mercado pola imposibilidade garantir unhas condicións mínimas de seguridade sanitaria a veciños e visitantes que acudan a este festexo.
“Non sabemos a que xoga o goberno de Mondoñedo, mentres concellos da comarca como Lourenzá, Ribadeo ou Foz xa fai días que anunciaron a suspensión das súas festas estivais, aquí aínda se anda especulando con celebralo de forma máis descentralizada polas diferentes rúas do casco”.
O BNG critica que o concello permaneza calado mentres festas como a da Maruxaina en San Cibrao, que coincide o mesmo día que a medieval de Mondoñedo, estea suspendida desde primeiros de xuño así que pídelle ao alcalde valentía para tomar a decisión de cancelar os tres días de mercado como medida de prevención fronte ao COVID-19.
“A medida é dura pero por moito que nos doa, a imposibilidade de controlar a afluencia de xente nunha festa como esta fai que pensemos que a decisión máis acertada sexa a de suspender o Mercado Medieval deste ano”.

Exit mobile version