O pasado 15 de xullo, o Ministerio de Facenda facía pública unha proposta que sentaba as bases para que o Estado dispuxese dos aforros dos concellos. Segundo se anunciou, os concellos terían que trasferir eses fondos ao Estado a través dun préstamo a devolver en 10 anos.
O BNG califica a proposta como unha “tentativa de incautación ou bloqueo dos fondos municipais” e considera “inaceptable” que o goberno central pretenda “dotarse de liquidez a costa dos concellos galegos”, mais “nun momento de crise sen precedentes no que cada euro conta para poñer en marcha medidas de reactivación da economía local e para sufragar a prestación de servizos á veciñanza”. Os nacionalistas reclaman que “sexan os concellos os que dispoñan dos seus recursos para os fins que consideren segundo as urxencias de cada municipio”.
Na moción, o BNG insiste en demandarlles á PSOE e Partido Popular a derrogación da Lei Montoro, que limita a capacidade dos concellos para financiar investimentos e servizos. Nesa liña, os nacionalistas critican que o Estado manteña estas restricións aos concellos mesmo cando a Comisión Europea acordou flexibilizar a limitación de endebedamento dos países membros para afrontar a crise derivada da Covid 19”.