Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG ribadense satisfeito cos datos no Concello onde sumaron máis do dobre de apoios que hai 4 anos

 Ribadeo, 13 de xullo, 2020. Desde BNG de Ribadeo queremos felicitar a toda a cidadanía pola súa participación nas eleccións ao Parlamento de Galiza. A pesar destes momentos tan difíciles polos que estamos a pasar non esquecemos que a mellor maneira de comprometernos coa nosa comunidade é participando. E nun contexto xeral de forte crecemento do BNG en todo o país, tamén en Ribadeo temos que destacar, con respecto ás anteriores eleccións autonómicas un importante incremento de apoios: de 596 votos (o 11,7%) no 2016, pasamos a 1291 votos (o 28,7%) en 2020; somos a única forza que medra de xeito significativo en Ribadeo. E facémolo de forma xeral en todas as mesas electorais do Concello.
O crecemento cualitativo vivido ao longo de todas as mesas da vila e das parroquias tamén se produciu na comarca mariña e por todo o país en xeral. Ao longo destes catro anos, Daniel Castro García, xunto cos demais deputados e deputadas electas, demostrarán no Parlamento de Galiza que o BNG é alternativa; Daniel Castro García defenderá á cidadanía de Ribadeo, e á de toda a comarca mariñá, a través do traballo conxunto de toda a organización e dos seus representantes institucionais levando ao Parlamento todos aqueles problemas que nos poidan afectar para poñelos sobre a mesa e propoñerlles solucións.
Desde o BNG de Ribadeo queremos agradecer a colaboración prestada por todas as persoas que se achegaron ata nós para levar a cabo o traballo propio dunha campaña. Os seus esforzos deron cumprido froito. Moitas grazas. E moitas grazas tamén a todas aquelas persoas que viron nas propostas do BNG un referente que lles mereceu confianza e deron por iso o seu voto ao BNG. Desde xa poñémonos a traballar para demostrarlles que a súa decisión foi acertada.

Exit mobile version