Site icon Crónica3.com A Mariña

O brote de coronavirus en Burela está estable e controlado. Alfredo Llano agarda que a partires do mércores a poboación poida retornar á nova normalidade

 Burela, 27 de xullo de 2020. Para Alfredo Llano, alcalde de Burela, o brote de coronavirus está estable e controlado. En total na Mariña a día de hoxe hai 51 casos positivos e 337 persoas que están confinadas nas súas casas por teren estado en contacto estreito cos activos. O rexedor burelés agarda que a evolución siga indo a bo ritmo para que tanto Burela como A Mariña recuperen a nova normalidade a partires do vindeiro xoves.

Llano dixo que “tras a nova vídeo conferencia que mantivemos esta mañá podemos dicir que está estable o control do coronavirus nesta zona. Agora mesmo hai en toda a Mariña 51 casos activos, o mesmo número ca onte. Fixéronse 4.610 PCR, que é significativo da cantidade de probas que se están a facer. Onte, por exemplo, realizáronse 185. E hai 337 persoas que están confinadas, son xente que igual ten síntomas ou non ou está agardando ao desenvolvemento da enfermidade”.

O alcalde indicou que “en Burela temos 23 activos, pero vaise dar hoxe unha alta e imos quedar no mesmo número que tiñamos, é dicir 22, e temos arredor de 170 persoas en seguimento”.

O rexedor burelés pensa que “estamos indo ben, aínda que vai lento, pero todo está moi controlado e moi vinculado ao primeiro brote que tivemos aquí na Mariña. E si houbo algún caso máis enseguida estivo acotado, iso é o que hai que facer agora actuar con prontitude, que é está a facer o Hospital da Mariña”.

Para Alfredo Llano “iso permítenos confiar que en poucos días cheguemos a un número de casos de pouca preocupación, algo que indicará que aquí na Mariña e concretamente en Burela se están a facer cousas ben”.

E engadiu que “agora haberá que agardar ata o mércores, que teremos a reunión por vídeo conferencia ás 11:30 horas. O comité de expertos terá que dicir cómo ve a evolución do brote e agardemos volver á nova normalidade, que se recuperen os aforos, os horarios, que se poidan abrir os parques e as prazas e que poidamos xa darlle unha certa normalidade a todo isto, porque xa vai facendo falta”.

Exit mobile version