Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz leva a aprobación no pleno deste xoves o orzamento de 2020, un presuposto responsable

 Foz, 29 de xullo de 2020. O Concello de Foz presenta este xoves o orzamento municipal, marcado pola actual crise do COVID 19, á que intenta dar unha resposta eficaz, para paliar os seus efectos entre a veciñanza máis afectada pola mesma.
“É un orzamento que tenta achegarse á realidade do gasto municipal. Un primeiro paso na liña do cambio”, defende a concelleira de Facenda, Inés López Couto, quen explica que “o orzamento do novo equipo de goberno, que ascende a case 7,4 millóns de euros de gasto, incrementa as partidas en gastos sociais e investimento real, sendo estas as que máis benefician de forma directa á poboación do noso concello. Entre as medidas máis significativas incrementaranse as axudas de emerxencia social de 600 a 1.000 euros e dótase unha partida para a mellora do servizo municipal de lixo, buscando un aumento da eficiencia nesta área para contribuír á mellora do medio ambiente”.
Inés López Couto engade que “logo de case unha década de políticas económicas manifestamente ineficaces hai moitos contratos de gastos habituais que non se fixeron nos últimos anos debido a unha nefasta xestión da anterior corporación; isto, entre outras cousas, levou a un descontrol no gasto. Necesitamos entrar nunha senda de traballo serio.”
A concelleira engade “o orzamento municipal debe espremerse ata o último céntimo en beneficio das veciñas e dos veciños. Non como fixo nos últimos anos o goberno do PP, xa que non había ningunha clase de orde nin control dos recursos, xerando remanentes inutilizables e deixando a Foz sen uns fondos moi valiosos para moitas obras que necesita”.

Exit mobile version