Burela, 23 de xullo, 2020. O Pescados Rubén Burela FS segue apostando pola Denominación de Orixe Galega. O pivote Diego Quintela Carril (Arzúa, 1991), procedente do Palma Futsal, reforzará o proxecto dirixido por Juanma Marrube para os dous próximos exercicios.
Formado na estrutura do Santiago Futsal, Quintela regresa á súa terra logo de catro tempadas, tras defenderoa FC Barcelona (2016-17) e o club insular (2017-20). “Tiña moita morriña e se podo competir ao máximo nivel e nun equipo preto da casa a situación é inmellorable. Creo que hoxe en día Pescados Rubén é o club que máis se adapta ás miñas prioridades tanto deportivas como persoais. Levo xogando moitos anos e competindo desde moi preto -na miña antiga etapa en Santiago- e é un club ao que sempre admirei pola súa seriedade, compromiso e ambición”, explicaba o novo 23 laranxa.
O pivote coruñés iniciará unha pretempada burelista certamente diferente o vindeiro luns, 27 de xullo, condicionada pola nova normalidade, converténdose no sétimo xogador galego do cadro, xunto Edu, Lucho, Iago Míguez, Álex Diz, Renato e Pitero, ademais de Kaluza, Matamoros e Eto’o. “Unha frase que me poño moito no meu estilo de vida é que non debo contar os días, teño que facer que os días conten. Son momentos difíciles pero, unidos e con forza, sairase desta” así mostraba Diego Quintela unha mentalidade sempre gañadora para superar todas as adversidades dentro e fóra da pistas.
“Burela é unha localidade tranquila e traballadora que vive o fútbol sala. Só hai que estar unha tarde e poderás atopar a varias persoas tomando café coa camiseta do equipo”, confesaba así as súas primeiras impresións o novo membro da Familia Laranxa.
Nos vindeiros días, poderemos coñecer máis de preto a Quintela, na presentación oficial.