Fuente sinala: “A alcaldesa fixo todos os esforzos posibles para que non se celebraran as eleccións autonómicas; é dicir, por interese puramente político, preferiu xogar a carta do medo e deixou abandonados ao comercio e a hostalería, que agora se encontran nunha situación moi difícil, moi complicada”.
O mesmo representante popular declara: “A xestión do goberno local, sinaladamente da alcaldesa, foi tan nefasta para Barreiros que nin sequera cubriu a oferta pública de emprego do Concello e así non hai socorristas abondo para atender as praias do municipio. Non foi capaz de dotar as praias dos medios precisos e non se puideron izar as bandeiras azuis que tanto nos anunciou que se recuperaran; creo que este é un dato ben representativo da calidade da xestión da alcaldesa”.
Fuente Parga destaca que a estas alturas, as estradas que dan servizo as praias están en moi mal estado e, como mal remedio, a Deputación, da que dependen, aínda está empezando agora a tapar as fochancas. “É un remendo vergoñento para saír do paso, pero non é a maneira de xestionar adecuadamente os recursos de que dispón un municipio para o que o verán é unha época fundamental para a súa economía”.
Hai que recordar que o deputado José Manuel Gómez Puente reclamou a primeiros deste mes o desbroce da estrada LU-P-0610, que da servizo, entre outras, á praia de Fontela, na parroquia de San Pedro de Benquerencia e constitúe o acceso a praia das Catedrais. Agora quedan por facer todas as melloras en canto a pavimentación e sinalización. Alfonso Fuente indica: “A alcaldesa de Barreiros o que ten que facer e reclamar da Deputación que deseñe e aplique un plan para o relanzamento da Mariña, tanto mediante unha decidida promoción turística como mediante a mellora das infraestruturas”. A este respecto, como xa se anunciou, o grupo provincial do PP, que ten por portavoz a Javier Castiñeira, defenderá no próximo pleno da Deputación unha proposta para un plan de reactivación económica da Mariña.