Os populares lucenses din que “a Xunta vén de requirir por terceira vez ao Goberno –a través de escritos aos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica– que lle informe sobre cales son as medidas que ten previsto aprobar para encontrar unha solución aos problemas actuais da industria electrointensiva”. Están convencidos de que “como sempre o Goberno so intenta enganar buscando escusas e culpables en lugar de traballar xuntos nunha solución que depende de que fixe un prezo eléctrico competitivo ou que interveña temporalmente a planta mentres o aproba”. En concreto a Xunta de Galicia solicitou:
Ao Ministerio de Industria a proposta e posterior desenvolvemento dun plan industrial para a fábrica de San Cibrao –anunciado polo propio Ministerio hai un mes–, así como os detalles e o calendario previsto para a entrada en vigor do Estatuto para os consumidores electrointensivos.
No caso do Ministerio para a Transición Ecolóxica, pídeselle de novo información sobre a convocatoria da poxa de interrompebilidade para o segundo semestre do ano.
“Estas son as claves para evitar os despedimentos na factoría de Alcoa en San Cibrao e garantir o mantemento da produción de aluminio primario, todo o demais é enredar e enganar aos traballadores”, conclúen os populares.