O portavoz municipal do PP, Óscar Rodríguez, di que é inaudito que alguén que quere a Viveiro (e suponse que a alcaldesa quere á cidade que goberna) perpetre o atentado estético á praia de Covas e ao seu paseo que é a caseta de obra instalada para servizo dos socorristas. Rodríguez di: “É fea, porque é das de obra, sen máis pretensións; ocupa parte do paseo, ten os tubos ao ar e dá moi mal olor; quen dá máis para danar a imaxe de Viveiro?”.
Rodríguez sinala que no mercado hai todo tipo de casiñas e casetas e que por un prezo moi asequible o Concello de Viveiro pode alugar ou mercar unha cuxo aspecto se adecúe ao entorno. Rodríguez recorda que é a Xunta a que corre cos gastos do servizo de socorrismo; Concello puxo na caseta un letreiro que di “Xunta de Galicia”. Pero, explica o portavoz popular, a Xunta nada ten que ver coa caseta e a súa inadecuación ao entorno no que se atopa.
Os populares reclaman do equipo de goberno que substitúa a caseta, de maneira que a que elixa se adapte ao entorno e, ao mesmo tempo, sexa adecuada para as necesidades do servizo de socorrismo.