O portavoz popular, Javier Castiñeira, quere que Tomé “aclare a súa postura sobre as estradas provincias que necesitan ser ampliadas, porque no pasado pleno, e ao fío dunha iniciativa do PP para ampliar a LU-P-4201, entre Paradela e o Saviñao, o presidente fixo declaracións que nos deixaron preocupados”. Nesa sesión, José Tomé afirmou: “Como principio para todo o mandato: o problema das estradas da Deputación é o firme, non é a anchura; lamentablemente, se valeron ata agora van seguir valendo porque cada vez hai menos poboación rural. A necesidade de ampliar non é tanta”. Castiñeira di que diante destas afirmacións “só hai dúas opcións: ou foi un erro, e entón solicitamos que pida desculpas e rectifique, porque causou grande preocupación nos concellos pequenos do rural; senón foi un erro e esa é a liña do bipartito, facer inversións segundo haxa poboación ou non, entendemos que debe rectificar esa idea”.
Os populares recordan que Goberno central di que suprime servizos ferroviarios en Lugo por falta de clientes, un argumento falaz, porque se non hai clientes é porque non hai servizos que cubran as súas necesidades. Pois Tomé, na mesma liña, segue o mesmo camiño e de maneira tan desafortunada que conseguiu que as redes sociais arderan durante días coa súa intervención. No PP din que Tomé deixa ver con claridade cal é a súa posición na loita contra o despoboamento e en canto aprecia a opinión dos especialistas que consideran que a crise sanitaria abre un escenario de oportunidades, a efectos laborais e de residencia, para o medio rural. Para que o rural sexa atractivo para vivir, precisa boas infraestruturas, sinaladamente boas comunicacións.
O portavoz popular sinala: “Se as deputacións existen é para axudar as poboacións pequenas a que teñan máis e mellores servizos, e as estradas son algo moi importante. Nós cremos que non foi un erro, que esa é a intención do goberno da Deputación de Lugo, e así quedou moi claro ao inicio do mandato cando un dos membros do goberno provincial dixo que non cría nas deputacións; obedece a unha liña estratéxica, porque o PSOE e o BNG gobernan os concellos máis grandes, con máis poboación, e non lles interesan o concellos pequenos, gobernados polo PP. Parécenos gravísimo. Pedimos que haxa unha rectificación e unha política contra o despoboamento e o fomento da vida no rural. E se foi un erro, rectifique canto antes para que a xente do rural este máis tranquila”.