O portavoz popular critica “o uso partidista das institucións para tratar de alarmar dicindo que non se daban as condicións necesarias para votar, afirmación a partir da que se podía interpretar que se non se podía votar tamén era posible que non resultara seguro facer outras actividades”. Deste xeito, “desmotivouse absolutamente aos turistas, que acabaron evitando á estancia na Mariña; por outro lado, desmotivouse tamén aos propios veciños da Mariña, que deixaron de facer unha vida normal (dentro da condicións nas que estabamos na Mariña) e se retraeron ao seus fogares, diminuíndo así considerablemente o consumo tanto na hostalería como no comercio”.
Os populares queren impulsar medidas para superar canto antes a situación creada e optan, segundo Castiñeira, “por seguir sumando e buscar solucións”. E nesa liña presentan a moción anunciada polo portavoz, que di: “Entendemos que hai que facer unha campaña dende as administracións, de todas, e polo tanto tamén desde Deputación de Lugo para a reactivación económica desta comarca”. Castiñeira visitou esta mañá Ribadeo para comprobar a situación en compañía de Daniel Vega, portavoz municipal, que será deputado autonómico na próxima lexislatura.