Site icon Crónica3.com A Mariña

O PPdeG reclama ao Goberno que tome xa unha decisión sobre Alcoa, porque “nin aproba un prezo eléctrico competitivo, nin avanza na intervención temporal da fábrica”

 A Coruña, 17 de xullo, 2020. O PPdeG acompañou esta tarde aos traballadores de Alcoa San Cibrao e ás súas familias na marcha que transcorreu polas rúas da Coruña e que acabou diante da Delegación do Goberno en Galicia. A presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, explicou que o seu partido quixo coa súa presenza seguir defendendo os postos de traballo e o futuro da Mariña lucense fronte a un Goberno de Pedro Sánchez que debe actuar xa, porque “nin avanza na aprobación dun prezo eléctrico competitivo, nin avanza na intervención temporal da fábrica”.

“O responsable de que hoxe esteamos aquí e de que teñamos chegado a esta situación ten nome e apelidos: o Goberno de Pedro Sánchez decidiu desentenderse do problema, e polo tanto desentenderse da Mariña de Lugo, e non asumir a súa responsabilidade de establecer un prezo eléctrico competitivo para a industria electrointensiva galega”, afirmou Elena Candia, que lamentou que o presidente do Executivo central só fale do Estatuto para os consumidores electrointensivos cando ven a actos do seu partido a Galicia e se esqueza do tema cando chega á Moncloa.

A presidenta do PP de Lugo lembrou que a Xunta de Galicia ofreceuse en reiteradas ocasións a colaborar co Goberno para buscar unha saída que impida o despido de preto dun milleiro de traballadores –entre empregos directos de Alcoa e das empresas auxiliares–, recibindo o silencio por resposta.

“Se se ven incapaces de aprobar un prezo eléctrico a curto prazo que evite o ERE de Alcoa, tanto desde o Partido Popular como desde a Xunta apoiamos a solicitude do comité de empresa para que o Goberno realice unha intervención temporal mentres pecha esa tarifa enerxética que faga viable a planta de San Cibrao”, sinalou Candia.

O PPdeG seguirá defendendo aos empregos da Mariña e seguirá esixindo ao Goberno que deixe de poñer escusas coas que deixa tirados aos traballadores de Alcoa San Cibrao.

Se quere realmente evitar o peche da única fábrica de produción de aluminio primario que queda agora en España, o Goberno de PSOE e Unidas Podemos ten que mover ficha e asumir a súa responsabilidade, concretando cal é o plan industrial para San Cibrao que dixo que tiña, aprobando o Estatuto prometido hai máis de ano e medio, convocando a poxa de interrompebilidade para o segundo semestre deste ano, e autorizando as compensacións de custos por emisións indirectas de CO2 ata o máximo que permite Europa.

Exit mobile version