Site icon Crónica3.com A Mariña

Olalla Rodil animou ás persoas indecisas “a votar ao BNG para crear entre todas unha nova Galiza”

 Lugo, 10 de xullo de 2020. No acto de peche de campaña do BNG en Sarria, a cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, pediu o voto ás persoas “indecisas e desencantadas con estes últimos once anos de goberno do PP”. Rodil dixo que “imos facer unha nova Galiza e para iso precisamos o apoio de todas as galegas e galegos”. Olalla Rodil lembrou no acto que “nestas dúas semanas de campaña demostramos que somos a única proposta que pode dar a volta os 11 anos de recortes do Partido Popular”, e pediu o voto para o BNG “a todas as persoas que durante esta campaña viron no proxecto do BNG, con Ana Pontón á fronte, un proxecto serio, válido e ilusionante”.

“Temos que transformar en votos todos os apoios que recibimos durante a campaña para conseguir que a situación deste país empece a mellorar a partir do domingo”, afirmou Olalla Rodil, que engadiu “non se trata só de botar ao Partido Popular, o BNG demostrou xa en concellos, deputacións e na propia Xunta de Galiza que ten experiencia en gobernar, e os gobernos do BNG sempre benefician ás persoas”.

Olalla Rodil pediu o voto “de todos os galegos e galegas, independentemente do que votaran con anterioridade para levar adiante un proxecto capaz de sacar Galiza adiante”. Segundo Olalla Rodi, “o BNG é a garantía dun goberno que só mire para Galiza, sen ningunha dependencia de Madrid”. A candidata do BNG afirmou que “o proxecto do BNG está máis cerca que nunca de facer historia e facer de Ana Pontón a primeira muller nacionalista presidenta da Xunta de Galiza”.

Olalla Rodil pechou campaña nun concurrido acto público xunto con miltantes e simpatizantes do BNG, onde tamén participou a número 3 da candidatura, Carme Aira, a do BNG en Sarria, Mónica López e o deputado provincial e voceiro da fronte na vila, Efrén Castro.

Exit mobile version