Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares consideran que os alcaldes socialistas e nacionalistas usan os recursos da Mancomunidade para facer “lavado de cara” despois dos seus erros

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A Mariña, a 15 de xullo de 2020. Os alcades do Partido Popular de Xove, Cervo e O Vicedo, Demetrio Salgueiro, Alfonso Villares e Jesús Novo, e a tenente alcalde de Mondoñedo, Elena Candia, consideran que os rexedores socialistas e nacionalistas usan os recursos da Mancomunidade para facer “lavado de cara” despois dos seus erros.

Logo da reunión celebrada esta tarde para abordar a promoción turística da zona, tildan de “decepcionante” a actitude dos representantes deses grupos políticos que, en días pasados, “xa lanzaron unha imaxe da comarca como lugar inseguro, ao pedir o aprazamento das eleccións, prexudicando notablemente con elo a sector”.

Afean así o seu comportamento, cando o traballo dos sanitarios foi excelente e se intentou minimizar os efectos para que non houbese máis aspectos adversos. Neste senso, dende o PP advirten que “ese efecto altavoz se traslade ao que queda de verán e a situación na que queda a Mariña sexa irreparable”.

“Escoitamos verdadeiras barbaridades. Pensamos que nos convocaban para falar de turismo pero, tal e como derivou a xuntanza, cremos que o fixeron para lavar un pouco a imaxe deses alcaldes do PSOE e do BNG que asinaron o manifesto que todos coñecemos, e cando estaban presentes medios nacionais e internacionais. O que se evidencia é que usaron algo tan serio como o virus cun fin político e non pensando nun sector que, como todos sabemos, xa está tocado dende hai tres meses”, remarcan.

Esta actitude provocou “que moita persoas anulasen as súas vacacións e, agora que estaban levantando algo a cabeza, dedicarónse a alarmar e, todo elo, a sabendas que nos seus concellos ou non había contaxios ou estes eran moi escasos”, precisan.

Dende o PP tamén lamentan que se lle “intentase dar a volta á realidade”, sobre todo, cando se empregaron medidas excepcionais e de seguridade para que a xornada electoral se desenvolvese sen ningún tipo de incidencia nin risco para a saúde pública. “O que agardabamos hoxe era que se abordase un plan para que a xente nos visite e deixar aparcado o concepto de inseguridade, pero, ao final, centráronse máis no brote que no plan propiamente dito”, conclúen.

Exit mobile version