Álvarez avanzou que o vindeiro 12X é necesario un presidente progresista en Galicia. “O noso compromiso é o progreso de Galicia. Necesitamos unha economía que xere emprego, máis e mellor política social, defenda da igualdade real, impulso das cidades, atención ao medio rural, un futuro para a mocidade e defender a sanidade publica por enriba de todo”, sinalou.
O candidato lucense puxo enriba da mesa as medidas para activar o noso medio rural e comprometeu a creación “dunha axencia de desenvolvemento rural e o reto demográfico”. Tamén enumerou outras propostas socialistas como “a ampliación até 2021 das medidas de financiamento das paradas temporais da frota (incluíndo ao marisqueo); a posta en marcha dunha campaña de consumo de produtos de proximidade, tanto pesqueiros (fresco, conxelado, en conserva) como agropecuarios; impulsar medidas urxentes para crear novas canles dixitais de comercialización”.
Replicou que é necesario unha “canle de diálogo coas organizacións e asociacións representativas para anticipar solucións a problemas. Por exemplo, o armazenamento de colleitas diante dunha eventual falla de demanda nos mercados, ao igual que sucede cos produtos pesqueiros. Elaboraremos un auténtico Plan de Desenvolvemento Rural (PDR), un documento realista, baseado no diagnóstico e propostas que fan os representantes de cada sector”.
Un ticket-emprendemento para autónomos
“Apostaremos pola calidade e a diferenciación dos produtos agroalimentarios galegos. Neste sentido, apoio ás operacións que reforcen a base cooperativa do sector agropecuario, reforzando a súa capacidade de negociación. Incorporaremos, con fondos dos programas europeos, un ticket-emprendemento para autónomos, micro empresas e empresas de economía social para as iniciativas de creación de empresas ou diversificación no medio rural, cunha contía de 35.000 euros”, explicou.