Site icon Crónica3.com A Mariña

Petiscos do Camiño dos Arrieiros: lendas, patrimonio e biodiversidade. Actividade de Nordés, este sábado

 O Vicedo, 13 de xullo, 2020. O sábado 18 de xullo voltamos cunha actividade presencial con prazas limitadas: Petiscos do Camiño dos Arrieiros: lendas, patrimonio e biodiversidade. Unha actividade para recoñecer polo miúdo a vida actual e pasada do trazado e os seus arredores. Un conxunto de miradas que nos falarán do entorno natural, das manifestacións materiais das persoas que viviron/viven no territorio e daquelas que forman parte do imaxinario popular.

A xornada do sábado 18 será de mañá (de 09:20h. a 14:00h.) e percorrerá diferentes puntos de interese dunha parte do trazado do Camiño dos Arrieiros entre As Pontes e As Grañas do Sor:

A praza da Igrexa de Santa María das Pontes será o punto de quedada cara as 09:15h.

O mirador do lugar de Garabatos.

As fervenzas de Somede. Neste punto o acceso concreto ás fervezas non está acondicionado para persoas con mobilidade reducida.

O lugar do Freixo.

O Forno dos Mouros.

O Cristo de Mouraz, onde acabaremos cara ás 14:00h.

Estarán con nós, compartindo a súa mirada sobre o territorio:

– Xosé María López Fernández, Técnico en Xestión Cultural de CULTUREUME SC.

– Antonio Martínez Pernas, Técnico Superior en Xestion e Organización dos Recursos Naturais

– Pepe Riola, investigador etnográfico das serras da Capelada e a Faladora.

Custe da xornada: de balde para persoas asociadas a Nordés e 2€ para aquelas que non. A cantidade recadada nesta actividade máis 50€ da asociación, serán doados, neste caso, ao Bando de Alimentos Rías Altas, da provincia da Coruña. Este acto encádrase nunha decisión da asociación, consciente da complicada situación social na que nos atopamos, que se prolongará nas seguintes actividades.

A asistencia está limitada a 25 persoas que terán que empregar os seus vehículos particulares para desprazarse.

Durante a actividade deberán seguirse as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención da COVID-19: empregar mascarilla, manter as distancias de seguridade interpersoal, etc.

Anotarse en: asociación.nordes@gmail.com ou no 653756454.

Exit mobile version