Site icon Crónica3.com A Mariña

Sanidade realizará probas diagnósticas completas aos colectivos máis expostos á Covid-19 dos concellos da Mariña

 Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2020. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, trasladoulle está mañá aos alcaldes e alcaldesas da Mariña que, a Consellería de Sanidade vén de acordar a realización dun estudio epidemiolóxico completo aos colectivos profesionais máis expostos á covid-19 nos 14 concellos que conforman o distrito sanitario da Mariña.

Entre o conxunto de profesionais aos que se lle realizarán ás probas epidemiolóxicas atópanse o persoal sanitario dos centros de saúde, PAC e hospitais da comarca mariñán, os corpos de policía local; ademais doutros colectivos vulnerables, como son o Servizo de Atención no Fogar (SAF), os membros de Protección Civil, o persoal de socorrismo ou os traballadores municipais e membros da corporación local.

Na xuntanza que diariamente manteñen os responsables do departamento sanitario da Xunta cos rexedores mariñáns, Almuiña comunicou que desde Sanidade se realizará un exhaustivo cribado de profesionais e colectivos vulnerables para optimizar a detección precoz de posibles novos casos de persoas infectadas por coronavirus.

O responsable da carteira sanitaria galega, explicou que a folla de ruta marcada pola consellería que dirixe desenvolverase dun xeito progresivo durante as vindeiras datas e que, priorizarase a realización das probas, segundo a situación epidemiolóxica de cada concello.

Neste senso Burela, o municipio que conta co maior número de casos activos neste momento, será onde se inicie o cribado dos colectivos máis expostos á covid-19 para, de seguido, continuar co conxunto de concellos costeiros, nos que todavía existe algún tipo de restrición sanitaria para, finalmente, testar ao persoal do conxunto dos concellos do interior da comarca, que xa non contan con restricións de mobilidade.

Unha medida extensible aos colectivos máis expostos á covid-19

Así mesmo, os alcaldes e alcaldesas mariñáns terán a posibilidade de estender a realización das probas a outros colectivos dos seus concellos, como son o Servizo de Atención no Fogar (SAF), os membros de Protección Civil, o persoal de socorrismo, e mesmo, aos traballadores municipais e membros da corporación local.

Para solicitar a realización das probas destes colectivos, as corporacións locais deberán remitirlle unha listaxe á consellería de Sanidade na que se especifiquen os datos da totalidade das persoas ás que se lle van facelas probas.

Os rexedores valoran a nova medida como moi positiva

A decisión adoptada por Sanidade foi considerada de forma moi positiva polo conxunto de alcaldes e alcaldesas da Mariña, definindo como moi acertada a realización de probas epidemiolóxicas aos colectivos máis vulnerables.

Ao remate da reunión, Vázquez Almuiña, agradeceu de novo a colaboración do conxunto dos rexedores e incidiu na necesidade de non relaxarse malia que a situación semella estable. Así, convidou aos alcaldes a que continúen a informar á súa poboación da necesidade de cumprir a totalidade das medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da crise sanitaria.

Exit mobile version