O debate aquí non xira en torno á legalidade ou ilegalidade desta práctica, dado que todas e todos sabemos que as grandes corporacións teñen o poder suficiente para facer do roubo un acto completamente lícito; xira en torno ao carácter ético desta práctica que, dende o noso punto de vista, vai moito máis alá do dubidoso. A isto hai que sumarlle o feito de que ABANCA foi resultado da venda a prezo de saldo do agrupamento de varias caixas de aforro galegas rescatadas con diñeiro público e que, a día de hoxe, pregoa grandes beneficios; entre eles, atópanse os xerados polos xuros derivados da débeda con ela contraída por parte do noso Concello. Se algo evidenciou o transcorrer dos anos é, como se di ao comezo do presente artigo, que a legalidade non é guía da moralidade, polo que que impoñerlle comisións a persoas en situación de vulnerabilidade -como poden ser as que contan con traballos precarios, as desempregadas ou xubiladas con pensións miserables en plena crise sanitaria- é, e seguirá sendo, unha práctica carente de escrúpulos e completamente reprochable.
Por todo isto, Son Viveiro-Son en Común quere mostrar o seu firme apoio na reclamación da devolución dos seus aforros á veciñanza afectada, polo que levará ao vindeiro pleno, que se celebrará o martes 4 de agosto ás 20:30 horas, unha moción que proporá trasladarlle a ABANCA o rexeitamento do cobro destas comisións por parte de todos os grupos e instará ao Concello de Viveiro a que, no caso de que dita entidade financeira non devolva o importe das mesmas, contacte con entidades bancarias de banca ética e caixa de aforros galega coa finalidade de facer destas as corporacións financeiras e bancarias preferentes do noso Concello.