Site icon Crónica3.com A Mariña

Tomé, na sinatura do convenio do CITT: “A saída da crise temos que facela pola porta da innovación”

 Lugo, 14 de xullo de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López Vázquez, e o presidente da Caixa Rural Galega, Manuel Varela López, renovaron este martes, na oficina que Caixa Rural ten en Lugo, o convenio de colaboración para o desenvolvemento de actividades do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus de Lugo, dotado con 62.800 euros, dos cales a institución provincial achega 9.500€.

Tomé Roca explicou que a Deputación de Lugo “seguirá apostando por respaldar economicamente a actividade do CITT do Campus Terra porque cremos na necesidade de contar cunha ferramenta especializada na investigación e na innovación, que transfira todo ese coñecemento cara o tecido produtivo da nosa provincia para impulsar a súa competitividade e o seu desenvolvemento sostible”.

Así mesmo, o mandatario provincial puxo o foco en que esta unidade do Campus Terra é “nestes momentos máis necesaria se cabe na actual situación que vivimos provocada pola pandemia da Covid-19. Creo que a saída da crise a temos que facer pola porta da innovación”. Nesa liña, subliñou que o CITT “será un axente multiplicador das oportunidades de recuperación e de desenvolvemento do noso tecido empresarial e do conxunto da nosa provincia”.

O convenio para o mantemento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía permite situar esta sede da USC á vangarda da transferencia de coñecemento e tecnoloxía á súa contorna social máis próxima, fundamentalmente á ligada ao sector primario (agrogandeiro e forestal), que é un dos sinais de identidade do Campus Terra da USC e da súa agrupación estratéxica de investigación BioReDes.

Colaboración en favor da provincia
Tomé Roca aproveitou o encontro para salientar o bo entendemento entre as entidades que asinan o convenio e o frutíferas que son as súas colaboracións. “Xuntar administracións como a Deputación, co coñecemento da Universidade de Santiago, o emprendemento da CEL e o financiamento da Caixa Rural é unha aposta pola colaboración entre o público e o privado, entre o saber e o tecido produtivo, que ten resultados moi positivos”.

Na mesma liña, adiantou que “traballamos mellor e chegamos máis lonxe cando o facemos xuntos, cando colaboramos, e así o evidencia este convenio, un punto de encontro entre a investigación e a súa aplicación práctica: entre o traballo científico do laboratorio e as necesidades ou posibilidades do mercado”.

Exit mobile version