Site icon Crónica3.com A Mariña

“30 anos da VI Feira do Bonito. Dous datos”, por Chema González Barcia

Tal día coma hoxe, un 18 de agosto de 1990, celebrábase a VI Feira do Bonito de Burela, organizada pola Sociedade Cultural LEDICIA. Unha festa que como tal botara a andar o 27 de agosto de 1983, celebrándose nos seus inicios na espazo comprendido entre a actual Travesía do Porto, as chabolas e Leandro Cucurny.
É ben certo que todas as edicións da Feira do Bonito teñen o seu interese e tamén anécdotas. A de 1999 por ter acadado a declaración de Festa Galega de Interese Turístico, ou a de 2019 pola declaración de Fiesta de Interés Turístico Nacional; outras por ter chovido dabondo, ou pola relevancia dos seus pregoeiros.
Se a edición de 1989, a quinta, a Feira se tiña celebrado no espazo onde se ubican a Praza da Mariña e a Casa da Cultura (en tempos ocupado polo serradoiro de Arcadio Pardiñas), en 1990 volveu facerse a carón das chabolas. E por suposto a edición daquel 1990 aporta datos para a historia da feira ou cando menos para o anecdotario.
Pero antes, lembrar que naquel 1990 no porto de Burela había un total de 194 embarcacións con 1.454 tripulantes; no conxunto do ano, subastáranse 12.308.458 kilos de peixe (aproximadamente a cuarta parte, bonito), que reportaran 3.834.685.979 ptas (algo máis de 23M€, dos que a cuarta parte corresponderan ao bonito, bonito que se vendera a un prezo medio de 284 ptas, 1’71€), segundo recolle Ricardo Pena Domínguez no seu libro “Burela. Apuntes históricos”.
Centrándonos na Feira do Bonito de 1990, o primeiro dato que aporta tén que ver coa fixación da data de celebración. Se a primeira edición fora o 27 de agosto de 1983; a segunda, o 4 de agosto de 1984; a cuarta, o 29 de outubro de 1988; e a quinta o 26 de agosto de 1989, aquela VI edición foi a derradeira que tivo lugar a mediados de agosto, xa que ao ano seguinte, 1991, salta ao primeiro sábado do mes, día 3. O ano 1992 foi un ano de aparentes dúbidas ao respecto da fixación da data, xa que a Feira celebrouse o segundo sábado, o día 8. As dúbidas quedaron definitivamente aparcadas na novena edición, a de 1993: foi o día 7, primeiro sábado de agosto. E dende aquela, ata hoxe.
Pero a VI Feira do Bonito de 1990, ademais desa connotación temporal, aporta un segundo dato que tén que ver coa súa promoción. Sabido é que dende hai anos, e non dende onte, os medios de comunicación prestan atención a cada edición da Feira do Bonito: periódicos e radios, sobre de todo, e algunha canle de televisión van anticipando aspectos do evento e mesmo realizan suplementos ou programas especiais adicados á Feira. O traballo feito polos medios de comunicación, coa colaboración e ás veces co impulso de administracións e entidades privadas, tén sido, e segue a ser, a mellor canle de promoción da Feira, sen dúbida; sen esquecer a excelente valoración que fixo e fai o público asistente.
Pois ben, co obxectivo de dar a coñecer Burela, o bonito e a propia Feira, na edición da Feira do Bonito de 1990 realizouse o primeiro programa de radio adicado na súa integridade á mesma. É máis, o programa foi feito en directo dende o propio evento, cando este comezaba a bulir, entre as sete e as oito e media da tarde. Durante o programa, que contara co patrocinio de catro ou cinco empresas de Burela con relación co mar, e co da propia Confraría de Pescadores, houbera varias entrevistas, todas en directo agás dúas ou tres pregrabadas. Así, polo programa pasaran, entre outros, o por aquela alcalde de Cervo, Roberto Alvarez; o Patrón Maior da Confraría de Burela, Benigno Beltrán, ou o daquela presidente de Ledicia, Ángel Rodríguez.
Un programa de radio feito cos elementos técnicos de hai trinta anos, nada que ver cos da actualidade. Pero o equipo que dirixía o xa desaparecido Marcial González Vigo fixo posible que fora emitido para toda a provincia, e ata onde abarcaba a cobertura, pola FM da cadena COPE. Naquel equipo estaban María José Fernández Azpeitia na locución, e Chema Núñez Losada na parte técnica (e un servidor facendo algo de locución e producción).
Outros dous datos máis sobre a Feira: o mindoniense Xosé Vizoso era o autor do cartel anunciador, que por outra parte patrocinaba por primeiro ano a Deputación Provincial.
PD.- Serva este artigo como agradecemento a LEDICIA e a toda a xente voluntaria que ten colaborado dende 1983 para escribir a longa historia da Feira do Bonito, na seguridade de que a Feira volverá con máis forza en 2021.

CHEMA GONZÁLEZ BARCIA. Exalcalde de Burela.

Exit mobile version