Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación colabora con Expomar para impulsar o sector pesqueiro da Mariña e os produtos do mar

 Lugo, 5 de agosto de 2020. A Deputación de Lugo renovou a colaboración coa Fundación Expomar para impulsar o sector náutico pesqueiro da Mariña e a comercialización dos produtos do mar. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou en Burela un convenio co presidente da fundación mariñana, Alfredo Llano, a través do cal a institución provincial achega 10.000 euros para apoiar actividades promocionais do sector da pesca como as feiras Expomar e Produart que desenvolve esta entidade. Na sinatura do convenio estiveron acompañados do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e da concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade e Mar de Burela, Carmela López.

José Tomé sinalou que Expomar “xoga un papel moi importante para o dinamismo da economía mariñana e do conxunto de Lugo, e supón un escaparate turístico de primeira orde para dar a coñecer a riqueza de recursos da provincia”.

O Presidente subliñou que Expomar e Produart “son dúas citas moi importantes na Mariña que xeran novas oportunidades de negocio para o crecemento do sector pesqueiro e do turismo náutico, actividades estratéxicas para o desenvolvemento económico da Mariña e da provincia de Lugo. A Deputación aposta pola pesca e a náutica, polos empresarios do mar e polos profesionais que traballan nel colaborando unha vez máis coa Fundación Expomar”.

Expomar e Produart son dúas feiras dirixidas a profesionais do mundo da pesca que teñen como obxectivo dar a coñecer as últimas tecnoloxías e innovacións do mercado e produtos do mar. Ambos encontros compleméntanse con xornadas técnicas e encontros empresariais onde se analizan os problemas da pesca e se aportan solucións xunto ás administracións para os profesionais e persoas vinculadas co mundo do mar.

Exit mobile version