Site icon Crónica3.com A Mariña

A oficina técnica da seca constata a mellora nos niveis de ocupación das bacías da demarcación hidrográfica Galicia-Costa tras as precipitacións rexistradas estes días

 Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2020. A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participou hoxe nunha nova reunión da Oficina Técnica da Seca, na que se constatou a mellora nos niveis de ocupación das bacías da Demarcación Hidrográfica Galicia- Costa tras as precipitacións rexistradas estes días.

No encontro ratificouse que as chuvias rexistradas na semana pasada e na actual indican un cambio de tendencia tanto a nivel meteorolóxico como hidrolóxico, especialmente nos ríos daquelas bacías que estaban en estado de prealerta. Cómpre lembrar que no mes de xullo declarouse a situación de prealerta por posibilidade de seca hidrolóxica na comarca de Ortegal e na Mariña lucense.

Non obstante, a pesar de que os datos son positivos, a Oficina Técnica da Seca determinou o mantemento dos estados actuais, ata que se consoliden as tendencias e o aumento do nivel base dos ríos.

Augas de Galicia vén efectuando un seguimento continuo da evolución da totalidade de encoros e ríos, avaliada hoxe nesta xuntanza con técnicos de Meteogalicia e da Consellería de Medio Rural.

A activación da prealerta realízase como aviso temperá para prepararse con suficiente antelación ante un eventual escenario de seca, e que implica un incremento do seguimento continuo dos caudais nos ríos nestas zonas.

Aínda que actualmente non se agardan problemas de abastecemento no resto de bacías da demarcación, Augas de Galicia reitera o chamamento á cidadanía para que leve a cabo un consumo responsable da auga e, de xeito especial, nas zonas nas que se activa a prealerta.

Exit mobile version