Para executar estas obras coa maior seguridade posible, tanto para os usuarios da vía como para os traballadores, habilitaranse desvíos alternativos pola estrada LU-861. En concreto, a partir deste luns -17 de agosto- estarán cortados ao tráfico os carrís da autovía en dirección a Vilalba, dende Cabreiros ata a glorieta de enlace coa A8.
Posteriormente, unha vez rematada esta calzada, procederase a cortar o tráfico en sentido contrario, para os vehículos que circulen en dirección a Ferrol, impedindo a entrada na AG-64 dende a glorieta da A8 e utilizando o mesmo desvío pola LU-861 para volver a incorporarse á autovía en Cabreiros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade intentará axilizar as obras, na medida en que o permitan a climatoloxía e a natureza dos distintos traballos, de modo que se poida reabrir por completo a circulación na vía nun período aproximado de oito semanas.
Cómpre lembrar que a obra foi adxudicada a principios de agosto por un orzamento superior a 1 millón de euros e conta cun período máximo de execución de seis meses. O contrato recolle a rehabilitación do firme nos tramos que presenten carencias para prolongar a vida útil do pavimento, mediante o fresado e reposición do firme existente con mestura bituminosa en quente.
Ademais, como actuacións complementarias executarase o repintado da sinalización horizontal e unha mellora puntual da drenaxe.