Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta programa 12 actuacións escénicas e musicais a través de ‘Cultura no Camiño+’ en concellos da provincia, entre eles: Abadín, A Pontenova e Muras

 Lugo, 27 de agosto de 2020. Os concellos Guntín, A Pontenova, Abadín, Becerreá, Begonte, Guitiriz, Láncara e Muras acollerán nos vindeiros días 12 propostas culturais da man de Cultura no Camiño+, o ciclo impulsado pola Xunta de Galicia que ata o 15 de outubro celebra a súa oitava edición, nunha versión ampliada que estende a súa programación a preto de 150 de concellos de toda Galicia, 36 deles na provincia de Lugo, no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19. Todos eles son beneficiarios das subvencións convocadas pola Consellería de Cultura e Turismo para a contratación de espectáculos profesionais galegos ao abeiro deste programa, que volve contar co patrocinio de Gadis.

Grazas a estas axudas, a Casa da Cultura de Guntín foi hoxe escenario da obra Merenda con pan de millo e Begonte tamén acollerá o día 30 o espectáculo de novo circo Máis aló aínda ás 19,00 h. no Club Fluvial.

Xa no mes de setembro, Muras ten programados tres eventos: a maxia do Mago Teto o día 6 ás 17,00 h. na área recreativa A Veiga, no mesmo emprazamento o día 12 representarase a obra Nabiza Girl ás 19,00 h. e por último, o local social acollerá a obra de teatro Rosalía o día 26 ás 17,00 h. A Pontenova súmase á programación e a casa da cultura ofrecerá a obra de teatro Duncan can de palleiro o día 5 ás 19,00 h., así como o espectáculo de maxia A volta a Galicia en 313 concellos o día 13 ás 12,00 h. na praza dos Fornos. O día 2 Abadín contará coa música de Timparrantela, en Guitiriz representarase a obra teatral O Camiño de Santiago o día 5 ás 19,00 h. e Láncara tamén gozará coa obra Duncan can de palleiro o día 6 ás 19,00 h. Por último, Becerreá programou dous eventos: a obra de teatro Saaabor! no campo de fútbol o día 12 ás 17,00 h. e posteriormente, ás 19,00 h. na carballeira o espectáculo Máis aló aínda.

Cómpre lembrar que as anteriores convocatorias dese ciclo centrábanse exclusivamente nos concellos situados no Camiño de Santiago, pero este ano ábrese a todos os municipios grazas ao incremento en máis do triplo da dotación da convocatoria, pasando de 230.000 a 750.000 euros e incorporando, en consecuencia, 70 municipios máis que en 2019. Deles, 38 incorpóranse por vez primeira nestes oito anos de traxectoria do circuíto. Así, ofreceranse arredor de 450 citas coa música, o teatro, o novo circo, a danza e a maxia producidos de xeito profesional en Galicia, tanto en espazos ao aire libre como en recintos pechados, e garantindo sempre a seguridade do público, ademais da dos equipos técnicos e artísticos.
Dinamización e descentralización cultural
Búscase así impulsar á contratación de espectáculos galegos, ao tempo que contribuír á dinamización cultural dos municipios da Comunidade, especialmente dos de menor poboación. De feito, dos 149 concellos de Cultura no Camiño +, 140 contan con menos de 20.000 habitantes. Nestes casos, dispoñen dunha achega de 4000 euros por parte da Xunta (fronte aos 2500 do ano pasado), que asume así o 80% dos custos das contratacións artísticas. Para os municipios de maior poboación, a subvención sitúase nos 4800 euros (3500 euros en 2019), cun incremento ata o 60% na porcentaxe de contratación que asume economicamente o Goberno autonómico.

Exit mobile version