Site icon Crónica3.com A Mariña

Alegacións do BNG de Viveiro para a ordenanza de Convivencia, Residuos e Limpeza

Viveiro, 22 de agosto, 2020. O BNG de Viveiro presentou as seguintes alegacións para a ordenanza de Convivencia, Residuos e Limpeza tras sair publicada no BOP o pasado 19 de agosto para a presentación de reclamacións e suxerencias, por prazo de trinta días hábiles, polo que dentro do prazo estabelecido ao efecto, se fan constar as seguintes:

Capítulo II. Actividades susceptibles de ensuciar as vías públicas.

Casos particulares.

Artigo 15. Animais na vía pública.

Engadir ao punto 1.

Uso da vía pública para paseo de animais domésticos.

As persoas que conduzan cans ou outros animais domésticos polas vías e espazos públicos, ademais de levalos atados e cumprir os demais requisitos establecidos na súa ordenanza específica , deberán levar obrigatoriamente unhas bolsas e un recolledor, ou accesorios similares, para a recollida e limpeza das dexeccións nos espazos naturais e ou zonas verdes que habilitará e establezará o concello para poder pasear estes animais.

Artigo 16. Elementos publicitarios.

1. Carteis.

Engadir entre o primeiro e segundo parágrafo:

Prohíbese esgazar, ensuciar ou arrancar aqueles carteis ou anuncios situados nos lugares ou emprazamentos autorizados para o efecto.

Engadir ao último parágrafo deste artigo16:

O concello de Viveiro habilitará, durante os períodos electorais lexislativos, naqueles espazos públicos máis estratéxicos das parroquias do concello, soportes (paneis, taboeiros, etc.) temporais ou permanentes, acordes coa estética da contorna, para que os partidos e/ou agrupacións políticas que se presentan ás convocatorias electorais podan colocar a súa propaganda e/ou publicidade electoral.

Capítulo III. Limpeza de solares e demáis terreos de propiedade privada.

Artigo 19. Obrigas xerais.

Engadir ao punto 1

Os propietarios deberán evitar o crecemento incontrolado de maleza e outros vexetais que lle afecte ás parcelas lindeiras, así coma controlar as plantacións, aínda que fosen crecementos accidentais, de árbores que poidan invadir os predios veciños ou causarlles calquera clase de perturbación, con respecto á normativa autonómica sobre risco de incendios. En concreto, a maleza ou demais elementos non poderán, en ningún caso, invadir as vías públicas, sexa na superficie ou no seu voo, salvo autorización expresa municipal, que se concederá tan só por motivos de interese natural ou estético e de conservación do patrimonio natural.

Substituír o punto 2 polo seguinte:

Os propietarios de solares ou parcelas que limiten coa vía pública están obrigados, en todo caso, ao seu cerramento exterior, salvo dispensa expresa e motivada outorgada pola autoridade municipal, baseada en motivos de interese público ou de preservación do medio, ou previstas expresamente no planeamento urbanístico. O cerramento deberá ser autorizado polo Concello, previo informe preceptivo dos servizos técnicos municipais competentes, e deberá respectar, en todo caso, o contorno e a estética da zona na que se atope, e cumprir os fins de preservación da seguridade dos peóns e de conservación e respecto ao medio natural.

É potestade do Concello a inspección e realización subsidiaria dos traballos de limpeza aos que se refiren os parágrafos anteriores, sexan solares de propiedade pública ou privada. No caso de execución subsidiaria dos traballos polos servizos municipais, esta farase con cargo ao obrigado e de acordo co disposto nas ordenanzas fiscais, sen prexuízo das sancións que correspondan.

Nas fincas afectadas polo planeamento urbanístico, cando os seus propietarios ou propietarias as tiveran cedido para uso público, o Concello poderá facerse cargo, total ou parcialmente, das obrigas descritas, mentres non se leve a cabo a expropiación.

Se por motivos de interese público fose necesario asumir subsidiariamente as obrigas do propietario, o Concello poderá acceder aos solares de propiedade privada derrubando os valados cando se faga preciso, sen prexuízo de solicitar a correspondente autorización xudicial.

O Concello imputaralles aos propietarios os custes do derrubo e reconstrución do valado ou instalación análoga afectada.

Artigo 21. Comprobacións.

Incluír o punto 1 seguinte

1.- Constitúe persoal da Inspección Municipal:

a) Os axentes e mandos da Policía Local, polo seu carácter de axentes da autoridade.

b) Os funcionarios e traballadores dos servizos técnicos municipais de obras, urbanismo e da Oficina Técnica Municipal, que, no referido ás prescricións desta Ordenanza, actúan coma axentes da autoridade.

c) Os funcionarios con atribucións de inspección tributaria, que teñen a consideración de axentes da autoridade, condición que se estende ás funcións derivadas desta Ordenanza.

Artigo 22. Procedemento.

Engadir texto:

Modos de iniciación do procedemento

O procedemento inspector axustarase ao establecido no título IV da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedimento Administrativo Común das Administracións Públicas, na normativa urbanística, e demais normativa que resulte de aplicación, podendo iniciarse de oficio ou a instancia de calquera interesado.

Tramitación

1.- O expediente, unha vez iniciado, sexa de oficio ou por instancia de parte, impulsarase de oficio en todos os seus trámites.

2.- Deberán figurar no expediente informes técnicos e xurídicos, e antes de ditar a orde de execución, deberá dárselle audiencia ao interesado.

3.- O informe técnico deberá versar sobre os puntos seguintes:

a) Se existe incumprimento dos deberes establecidos na Ordenanza, á vista dos seus preceptos e da normativa urbanística vixente.

b) De apreciarse o devandito incumprimento, deberá conter unha descrición detallada das medidas correctoras precisas para manter o predio ou edificación nas condicións de seguridade, salubridade e ornato público que resulten esixibles.

c) O prazo de execución dos labores para repoñer o predio ou edificación ás condicións esixidas

4.- A orde de execución fixará, detalladamente, todas as obras para realizar, así coma o prazo máximo para efectualas. Deberase buscar o xeito de realizar as obras da forma menos gravosa para o propietario.

5.- As ordes de execución fixarán o prazo para o cumprimento do ordenado en atención á magnitude e complexidade das obras para realizar.

6.- En ningún caso se poderá ditar orde de execución sen a previa autorización que resulte preceptiva segundo os réximes especiais de protección, vencellamento, ou servidumes legais que lle afecten ao predio ou ao inmoble. Non obstante, cando exista perigo inmediato de danos ás persoas, poderán tomarse medidas excepcionais de protección sen respectar os devanditos límites, por se considerar un interese lexítimo superior a protexer.

Execución forzosa e subsidiaria

1.- Transcorrido o prazo concedido para dar cumprimento á orde de execución, a alcaldía, ou órgano ou persoa en quen delegue, procederá a ordenar a execución subsidiaria ou a execución forzosa mediante imposición de multas coercitivas. En todo caso apercibirase, antes de ordenar a execución, o interesado dos efectos do incumprimento da realización das medidas correctoras impostas. O devandito apercibimento poderá incorporarse á notificación da orde de execución á que se refire o artigo anterior.

2.- Para garantir a efectividade da execución forzosa, poderánselle impoñer multas coercitivas ao responsable cun importe que oscilará entre os 300 € e os 3.000 €, xustificando o importe en función das circunstancias que concorran. En ningún caso se poderán impoñer máis de dúas multas coercitivas por cada expediente.

3.- Imposta a primeira das multas, abriráselle ao responsable novo prazo para a realización dos labores ordenados de execución. O devandito prazo será da mesma duración ca o outorgado inicialmente para a execución segundo o previsto no artigo anterior.

4.- Transcorrido o devandito prazo sen que o responsable cumpra a segunda orde de execución, procederá a imposición dunha segunda multa coercitiva. Con esta, abriráselle un novo prazo para a execución dos labores ordenados, por un máximo da metade do inicialmente outorgado.

5.- Unha vez vencido este último prazo, se o responsable non tivera procedido a dar cumprimento á orde de execución, a alcaldía, ou órgano ou persoa en quen delegue, ordenará, mediante resolución a execución subsidiaria dos traballos, sendo o seu custe a cargo do responsable, e respectarase o disposto nos arts. 97 e seguintes da Lei 39/2015 do 1 de outubro.

6.- A imposición das multas coercitivas non impedirá a apertura, no seu caso, do correspondente expediente sancionador.

Casos de urxencia ou necesidade

Cando o estado dun predio ou edificación supoña un perigo grave para as persoas ou os bens, no referente ás súas condicións de seguridade, salubridade e/ou hixiene, a alcaldía, ou órgano ou persoa en quen delegue, logo dos informes técnicos preceptivos, poderá acordar, no prazo de 24 horas desde a recepción dos devanditos informes, a execución subsidiaria dos traballos precisos para a desaparición das circunstancias que ocasionen o perigo grave, notificándolle ao responsable á maior brevidade a dita resolución.

Interese turístico ou estético

1.- O Concello de Viveiro tamén poderá ordenar, por motivo de interese turístico ou estético, a execución de obras de conservación, renovación ou reforma en fachadas ou espazos visibles desde a vía pública, sen que estean previamente incluídas no planeamento.

2.- As obras executaranse a costa dos propietarios se estivesen dentro do límite da obriga de conservación que lles corresponde e, cando rebase aquel límite, con cargo aos fondos da entidade que as ordene para obter melloras de interese xeral.

3.- No caso de incumprimento por parte dos propietarios, seguirase o disposto no art. 24 e seguintes desta Ordenanza.

Inmobles incluídos nos catálogos de bens

Os propietarios dos bens incluídos nos catálogos de bens a protexer dos instrumentos urbanísticos terán a obriga de conservalos, e poderán demandar para tal efecto a cooperación das administracións competentes, que deberán prestala en condicións axeitadas cando as obras necesarias excedan dos límites do deber de conservación.

Adaptación ao contorno

1.- A Alcaldía poderá acordar as obras necesarias para adaptar os inmobles ás condicións do seu contorno, segundo o previsto na normativa urbanística, tales como a conservación e reforma de fachadas ou espazos visibles desde as vías públicas, a limpeza e valado de solares, a retirada de carteis ou outros elementos impropios dos inmobles.

2.- O procedemento para levar a cabo as actuación a que se refire o número anterior será o que determina a presente Ordenanza.

3.- As obras sinaladas na orde de execución realizaranse a costa dos propietarios ata o límite legal de conservación

Execución subsidiaria: liquidación do custe

1.- O custe derivado da execución subsidiaria correrá de conta do responsable.

2.- O dito custe satisfarase de acordo co disposto no R.D. 939/2005, do 29 de xullo, Regulamento xeral de recadación, no referente á recadación de débedas en período executivo.

3.- Non obstante, o importe correspondente poderá liquidarse, provisionalmente, antes da execución, a expensas da liquidación definitiva que se dite unha vez realizados os traballos.

4.- O importe do custe da execución subsidiaria determinarase do xeito seguinte: a) Se os traballos fosen realizados por persoal do Concello, o técnico municipal competente efectuará a súa valoración, e incluirá todos os custes, directos ou indirectos, que orixinase a dita execución subsidiaria. b) Se os traballos fosen realizados por persoas ou entidades

alleas á Administración municipal, o importe do custe ascenderá ao prezo da contratación.

5.- A valoración da execución subsidiaria deberá ser aprobada polo órgano competente, previa fiscalización da Intervención municipal. Seralle notificada ao responsable, que, no prazo de 10 días hábiles, poderá formular cantas alegacións estime oportunas. Na resolución advertiráselle que, de non realizar alegacións, a valoración elevarase a definitiva. Se formulase alegacións, o órgano competente, á vista destas, resolverá segundo estime oportuno, nun prazo máximo de 10 días, solicitando os informes que considere precisos aos servizos municipais.

Artigo 23. Da limpeza das zonas próximas ás masas forestais.

Engadir neste artigo o seguinte texto:

@s propietari@s dos terreos nas faixas de protección contra o lume en solo rústico, urbanizable e de núcleo rural están obrigados a manter 50 metros libres de matorral e especies pirófitas, como eucaliptos, pinos ou acacias, etc… debendo efectuar a limpeza antes do 31 de maio de cada ano.

En caso de que @ propietari@ da parcela non cumpra coa obriga de mantela limpa, tal como esixe a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, o Concello de Viveiro, en cumprimento á INSTRUCIÓN 1/2018, do 26 de abril, relativa ás actuacións administrativas en materia de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas notificaralle a obriga de comezar a limpeza nun prazo máximo de 15 días naturais para o cumprimento desta normativa e apercibirá ao propietario de que, transcurrido este prazo, procederá á execución forzosa dos traballos, sen máis trámites.

O Concello comunicaralle tamén ao propietari@ afectad@ a liquidación provisional dos custos aos que dará lugar a execución forzosa dos traballos, sen perxuízo da liquidación definitiva que corresponda, unha vez concluídos eses traballos, de ser o caso. Cando a contía agregada dos custos supere ao valor catastral da parcela, poderase proceder a súa expropiación forzosa.

Tamén informaráselle ao propietari@ do proceso sancionador que se iniciará contra el/ela e da contía das sancións ás que se enfrenta.

TITULO III. Residuos municipais.

Capítulo I. Recollida de residuos.

Engadir artigo novo co título de :

Promoción da separación en orixe e recollida selectiva

1.- O Concello promoverá a colaboración cidadá para a óptima separación en orixe e recollida selectiva de residuos municipais mediante campañas informativas e divulgativas, dirixidas tanto á poboación en xeral como a colexios, institucións, asociacións veciñais, colectivos, comunidades de propietarios, etc.

2.- O Concello Impulsará medidas de concienciación e da posta en práctica da compostaxe doméstica e comunitaria.

3.- Así mesmo, o Concello elaborará guías de boas prácticas dirixidas tanto ao público en xeral como ao comercio, hostalería e outros sectores de actividades económicas representativas.

4.- O Concello promoverá o consumo de produtos fabricados con materiais reutilizábeis e fomentaraos así mesmo na contratación pública de obras e subministracións.

Artigo 28. Sistemas de recollida de residuos domésticos e asimilados.

LOCALIZACIÓN DOS COLECTORES DE USO COLECTIVO

1.- O Concello, logo do informe dos servizos técnicos, será o único competente para proceder á instalación de colectores na vía pública e determinará o seu número, volume e localización, tendo como premisa que entre os colectores e os domicilios ou lugares de produción exista a menor distancia posíbel atendendo sempre ás características urbanísticas, paisaxísticas e de poboación de cada zona, así como á operatividade dos servizos de recollida.

Todas as parroquias deberán contar como mínimo cun colector de cada tipoloxía.

2.- Os colectores localizaranse segundo puntos ou áreas estratéxicas de achega, que poderán estar compostas por varias unidades das diferentes tipoloxías para o depósito das correspondentes fraccións en función da poboación a que afecten. A súa situación realizarase de tal xeito que, sen alterar en exceso a estética do contorno, non dificulten o tráfico nin as manobras de aparcamento dos vehículos, ocupando a mínima superficie posíbel.

LIMPEZA E MANTEMENTO DOS COLECTORES DE USO COLECTIVO

1.- O Concello realizará os labores de limpeza, conservación e mantemento dos colectores de uso colectivo, dos seus elementos de suxeición e dos espazos que ocupan a través das correspondentes empresas concesionarias coa periodicidade precisa.

2.- A limpeza e desinfección de colectores para a fracción resto e envases lixeiros, será realizada periodicamente durante todo o ano (dúas veces no verán, e tres veces distribuídas proporcionalmente no resto do ano, coordinándose, axeitadamente, coa que levan a cabo os servizos de limpeza viaria), e tamén se realizará puntualmente cando algunha circunstancia especial así o determine. Para os outros tipos de colectores será, cando menos, unha vez ao ano.

3.- A limpeza realizarase de acordo coa normativa vixente.

4.- Nos casos demostrados de fin de vida útil dos elementos ou desaparición, falta ou deterioro grave dalgún deles -como rodas, tapas ou suxeicións- serán repostos coa maior brevidade posíbel por parte do Concello.

HORARIO PARA O DEPÓSITO DE RESIDUOS EN COLECTORES

1.- Fraccións resto

Os residuos domiciliarios deberanse colocar nos colectores da vía pública para a súa recollida polo servizo municipal a partir das 21.00 horas, nos días en que se realice a recollida consonte o estabelecido no parágrafo seguinte.

A recollida dos residuos polo servizo municipal realizarase todos os días da semana exceptuando domingos e festivos. Nas do Casco Histórico tamén se realizará recollida os domingos e festivos exceptuando o 24 e o 31 de decembro.

Nas parroquias e núcleos rurais a recollida realizarase un, dous ou tres días á semana, atendendo a súa poboación e localización.

O Concello poderá estabelecer horarios especiais en virtude de convenios de colaboración con determinados sectores ou colectivos.

2.- Fraccións de papel-cartón, vidro, envases e pilas

O papel-cartón poderá depositarse a calquera hora do día nos colectores específicos dispostos na vía pública para este fin.

O vidro poderá depositarse ao longo do día, entre as 8.00 e as 22.00 horas, nos colectores específicos situados na vía pública para esta tipoloxía de residuos.

Capítulo II. Residuos municipais especiais.

Artigo 32. Recollida de muebles e outros residuos voluminosos.

Engadir no punto 1.-

Clasifícanse en:

• Voluminosos de liña branca: lavadoras, lavalouzas, neveiras e similares.

• Voluminosos de liña gris: televisores, ordenadores e similares.

• Voluminosos de liña marrón: colchóns, somieres, sofás, armarios e demais mobiliario e equipamento

Substituír punto 2 polos seguintes apartados:

As persoas que desexen desprenderse de residuos domésticos voluminosos poden facer uso do servizo especial de recollida de voluminosos regulado no punto 3 seguinte e que implica a recollida destes residuos na vía pública.

No punto limpo serán admisíbeis este tipo de residuos nas condicións de entrega que para iso se estabelezan.

Engadir ao punto 3 os seguintes apartados:

Este servizo especial de recollida de voluminosos, de balde, funciona de luns a venres en horario nocturno.

Como regra xeral só se permite o depósito diario de catro unidades por posuidor de calquera destes residuos.

Modificar punto 3.3. polo seguinte parágrafo:

Queda expresamente prohibido o depósito destes residuos na vía pública sen comunicación previa ao teléfono ——————– (empresa concesionaria do servizo) e a confirmación do depósito . Tal feito será considerado como falta grave.

Artigo 37. Residuos de pilas usadas.

Incluír un punto 2:

2.- Calquera estabelecemento comercial de venda de artigos que impliquen o uso de pilas, institucións públicas, centros educativos, asociacións e similares poderán solicitar ao Concello a súa consideración como centros colaboradores.

O Concello subministrará gratuitamente os colectores axeitados, que serán recollidos, unha vez cheos, logo do aviso telefónico á empresa concesionaria do servizo.

Exit mobile version