Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano subliñou que os casos positivos por Covid seguen baixando en Burela e hoxe hai 16

 Burela, 5 de agosto de 2020. O alcalde, Alfredo Llano, insistiu en que está moi controlado o brote de Covid rexistrado na Mariña hai unhas semanas. O rexedor, que hoxe participou nunha nova xuntanza coas autoridades sanitarias, anunciou que volta a actividade ao ocio nocturno con límites de aforo .
Alfredo Llano dixo que “vai indo ben a evolución do primeiro contaxio que nos preocupaba tantísimo na Mariña, sobre todo en Burela, onde que chegamos a ter 140 positivos o día 12 de xullo e agora mesmo xa estamos en 16”.
O alcalde burelés comentou que “van mermando os casos positivos, desde o 23 de xullo non houbo ningún caso positivo máis dese brote, o que quere dicir que está moi controlado. En catorce días é fácil que non haxa ninguén que dea positivo, igual que tamén se reducirán os confinados que tiñan algunha vinculación co brote”.
Para o rexedor “é unha boa noticia e consecuentemente comezamos a aplicar a normativa que hai no resto de Galicia. Aquí tíñamos outra debido a ese brote que lle afectaba ao ocio nocturno, que non se podía disfrutar, e á cantidade de xente que se podía reunir por grupo. Agora, durante sete días, o ocio nocturno recupérase pero limitado ao cincuenta por cen de aforo, no resto de Galicia está ao setenta e cinco por cen. Ademais xa se poden reunir ata vintecinco persoas cando antes estaba establecido en dez”.
Llano comentou que “recuperamos dalgunha maneira a normalidade. Así que a partir de agora hai que ter moitísimo coidado, insistir en procurar que non haxa nada e se aparece algo telo controlado inmediatamente. Penso que fomos un exemplo clarísimo de como se xestiona un brote. Creo que iso nos dá confianza á xente da Mariña e tamén á que ven de fora. A ver se entre todos logramos que sexa indefinida esta nova normalidade que vai afectar á nosa vida durante bastante tempo”.

Exit mobile version